Tras a carta de Pedro Sánchez, a pasada semana o BNG combinou a súa mostra de solidariedade co presidente do Goberno de España dende a perspectiva "humana" coa aposta por que o actual Goberno de España seguise adiante apoiado na correlación de forzas da investidura. Unha vez coñecida a permanencia do socialista no cargo, a formación soberanista aplaude a decisión pero, advirte, ten que ir alén das palabras.
Pontón sinala que a "empatía" non impide ver o "tempo que tardaron en reaccionar o PSOE e Sánchez" ante "as mentiras e o lawfare" que "durante anos" sufriron "dirixentes doutras forzas"
A portavoz nacional do Bloque e o seu deputado no Congreso analizan que "máis aló das diferenzas políticas", é "positivo que a lexislatura poida continuar", di Ana Pontón ante a decisión "sensata" de Sánchez. Que dimitise, considera, sería tanto como dar a "vitoria" a "aqueles que non asumen o resultado democraticamente expresado nas urnas, dende o PP á extrema dereita" pasando por "determinados poderes económicos, mediáticos e xudiciais".
"En política non todo vale", "non consiste na deshumanización do adversario político nin en converter a quen pensa diferente nun inimigo ao que destruír até no persoal", abonda Pontón. Pero a "empatía", matiza, non impide ver o "tempo que tardaron en reaccionar o PSOE e o propio Sánchez" ante "as mentiras, a crispación, a difamación e o lawfare sen "facer nada". "Durante anos miraron a outro lado mentres se perseguía a dirixentes doutras forzas" ou se "ridiculizaba movementos transformadores como o feminismo". De aí, di, a petición de "medidas efectivas".
O Bloque advirte a Sánchez de que Feijóo "é un mestre" das prácticas que agora denuncia e ínstano a "non quedar só nas palabras" e apostar pola "rexeneración democrática" e o "cumprimento estrito dos compromisos establecidos con Galiza
Neste contexto, Pontón e Rego advirten a Sánchez de que debera ter en conta que as prácticas que agora denuncia son "habituais no PP" e nelas "Núñez Feijóo é un mestre" porque "xa as experimentou dende 2005 en Galiza", durante o mandato do Goberno do PSdeG co BNG, dende "estrearse na oposición cun tumulto de alcaldes que querían tomar o Parlamento" ata as malas prácticas nas campañas electorais, dende 2009 "ata as mesmas eleccións" do pasado 18F.
O presidente do Goberno de España non pode "quedar só nas palabras", agrega Pontón, á procura dunha "rexeneración democrática" que "non vai ser doada nin cousa dun día". Tamén, engade Rego, os "avances" deben chegar mediante o "cumprimento estrito dos compromisos establecidos con Galiza a través do acordo que asinamos para a investidura".