"Este ano déixao". "É o mesmo rumor, que volve". Diferentes fontes coñecedoras da dinámica interna da Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) expresábanse deste xeito nos últimos días a respecto dunha eventual continuidade ou marcha de Alfonso Sánchez Izquierdo, o seu director xeral, xusto na semana na que fixo 75 anos de idade.
O actual director xeral da CRTVG foi nomeado por Feijóo en 2009 ao abeiro da lei de 1984 que outorgaba ao Goberno a competencia de designar este posto sen consultar o Parlamento
O de Sánchez Izquierdo foi un dos primeiros nomeamentos de Alberto Núñez Feijóo en 2009 como presidente da Xunta alén do propio Consello do Goberno galego. Fíxoo en virtude da lei de creación da CRTVG (1984), daquela aínda vixente, que facultaba o Executivo para designar directamente ao inicio de cada lexislatura ao máximo responsable dos medios de comunicación públicos. O popular mantivera que pactara o nome con Pachi Vázquez, na altura secretario xeral do PSdeG e líder do primeiro grupo da oposición, que o negara.
En 2011 o PP sorprendera aceptando negociar con socialistas e nacionalistas unha nova lei da CRTVG que, entre outras moitas mudanzas organizativas, instaurou a elección da dirección xeral da Corporación mediante maioría reforzada do Parlamento -dous terzos (50 escanos) ou, se non fosen acadados, tres quintos (45)-, o que tanto daquela como agora implica necesariamente un pacto do PP con, cando menos, un grupo da oposición. Pero apenas catro anos despois, nada se movera ao respecto e a propia Xunta promoveu unilateralmente unha reforma que blindou a Sánchez Izquierdo no posto por tempo indefinido.
En 2015 a Xunta promoveu unha reforma da lei de medios que permitiu continuar a Sánchez Izquierdo na dirección xeral da CRTVG por tempo indefinido
Como detallara Praza.gal xa daquela, aquela reforma consistía en que, se no momento da transformación da antiga Compañía de Radio e Televisión de Galicia na nova Corporación aínda non fora elixida a nova dirección xeral -o cal non sucedera, porque o PP o evitara-, o director xeral que estivese no posto continuaría "transitoriamente" nel. Esa "transición" dura xa 13 anos e, en total, Sánchez Izquierdo vai camiño dos 15 como máximo responsable dos medios públicos.
E, por que o ía deixar agora? Dende unha relativa prudencia ou mesmo incredulidade, as fontes consultadas apuntan a varios motivos. Dende a súa idade, case unha década por riba da xubilación, ata o cambio de lexislatura e a confirmación electoral de que o PP seguirá á fronte da Xunta por catro anos máis como momento propicio para dar o paso sen maiores riscos políticos para os conservadores.
Tamén entraría en xogo, indican, a oportunidade de aliviar presión tras anos de conflitividade laboral e política no seo da CRTVG -esta mesma semana, Sánchez Izquierdo tivo que declarar como investigado nos xulgados de Santiago por un dos procesos xudiciais abertos a instancias dunha traballadora-, onde a dous días das eleccións o colectivo Defende a Galega chegou aos 300 venres negros para, entre outros aspectos, reclamar o cumprimento íntegro da lei de medios de 2011. Neste sentido, previsiblemente a saída de Sánchez Izquierdo implicaría tamén outras remudas no organigrama da cúpula da CRTVG, agregan.
Fontes consultadas apuntan á idade de Sánchez Izquierdo, ao cambio de lexislatura ou á necesidade de aliviar presión polos diversos conflitos abertos como motivos dunha eventual marcha
E, que sucede se Sánchez Izquierdo renuncia? Tería que activarse o proceso para a elección dun novo nome conforme á lei de 2011, por maioría reforzada do Parlamento. Isto é, cos votos do PP e, cando menos, tamén apoios do BNG ou do PSdeG. No intervalo, non obstante, sempre cabería a posibilidade de aplicar o artigo da lei segundo o cal unha vez esgotado o mandato, o director xeral "continúa no exercicio das súas funcións ata o nomeamento da nova persoa elixida para o cargo".
Segundo esa norma, ninguén podería exercer a dirección xeral da CRTVG máis de dez anos (dous mandatos de cinco). Se non dimite ou é remudado antes, Sánchez Izquierdo fará 15 o vindeiro 29 de maio e, agás unha decisión do Parlamento que o obrigue a marchar, podería seguir no posto como ata agora, indefinidamente.