A Xunta Electoral Central (XEC) vén de desestimar o recurso interposto pola CRTVG contra o acordo da Xunta Electoral de Galicia (XEG) na que estimara parcialmente unha reclamación do BNG contra o seu plan de cobertura, amoestando a Corporación dos medios públicos por reducir o tempo dedicado á campaña nos informativos e ordenándolle incrementalo.
Segundo o acordo remitido pola XEC, a CRTVG recorreu a decisión argumentando que os 4'20" diarios nos informativos eran dabondo para trasladar as propostas e actividades dos partidos e que ese tempo, en lugar dos 6 minutos do plan de cobertura de 2020 aos que como mínimo os insta a XEC, axeitábanse mellor aos "principios, modelos e canons periodísticos que deben presidir a atención informativa na CRTVG, onde a duración das pezas informativas adoita ser moito menor".
Ademais, a CRTVG argumentou tamén que o tempo dedicado á campaña foi maior en 2020 porque daquela establecérase un tratamento preferente para sete partidos e non para os cinco desta ocasión. A XEC respóndelle advertindo da súa "autonomía" para fixar os plans de cobertura, pero tamén do seu labor para garantir que eses plans "respondan aos principios de igualdade, proporcionalidade e neutralidade informativa", segundo di na resolución o presidente da XEC, Miguel Colmenero.
A XEC advirte á CRTVG doutro factor que "debe ser tido en consideración": que en lugar de organizar cinco debates, como en 2020, só teña previsto realizar un
Así, a XEC considera "razoable" o criterio do BNG na súa demanda, tendo en conta que o minuto e 40 segundos máis por cada infartivo a repartir proporcionalmente entre todos os partidos "non é excesivo". E ademais, lanza un reproche á CRTVG, ao apreciar "outros factores que merecen ser tidos en consideración", como é que "en lugar de organizar cinco debates, como os contemplados no plan de cobertura ás eleccións de 2020, só está prevista a realización de un".
Ademais, a Xunta Electoral Central indica que a CRTVG "non explicou de forma convincente en que medida dedicar 1'40" máis na información relativa á campaña de cada informativo non se concilia cos principios, modelos e canons periodísticos que deben presidir a atención informativa na CRTVG", en referencia ao argumento esgrimido pola Corporación.
A Xunta Electoral di que non parece "un sacrificio excesivo" para a CRTVG aumentar ata os 6 minutos a información diaria de campaña
A XEC lémbralle á CRTVG que ese incremento de tempo "atende a unha finalidade lexítima" como a de "promover o pluralismo político", consagrado na Constitución, así como "a formación dunha opinión pública informada", e é "proporcionada" porque, di, "non se aprecia que supoña un sacrificio excesivo dos dereitos ou intereses do medio público afectado".
O reproche da Xunta Electoral non é o único que afecta a CRTVG. O tratamento informativo, precisamente, do debate electoral do pasado luns indignou persoal dos medios públicos por "calcar o argumentario do PP".
O comité intercentros denunciou a cobertura por "disfrazar de información unha columna de opinión que debería asinar o Partido Popular" e "arroupar sen disimulo a Alfonso Rueda". A representación laboral aclara que "a inmensa maioría" dos traballadores "non é responsable da infamia e vil manipulación" nos medios públicos.