De polémica en polémica. O tratamento informativo que a CRTVG fai da campaña electoral do 18F continúa a recibir críticas, que se unen ás denuncias de "control político" por parte do PP e da Xunta que desde hai anos levan a cabo persoal, oposición e un lote de entidades sociais e políticas.
Desta vez, e unha vez máis, é o comité intercentros dos medios públicos quen alerta da "grave manipulación informativa que amordaza a CRTVG" que, segundo din, elévase aínda máis "en plena campaña das autonómicas". A representación laboral reacciona agora á cobertura que os informativos fixeron do debate electoral do pasado luns na TVG e na Radio Galega e "farto de esixir que cese o uso partidista dos medios de toda a cidadanía, que considera un secuestro".
O comité denuncia a cobertura informativa do debate por "calcar o argumentario do PP" e "disfrazar de información unha columna de opinión que debería asinar o Partido Popular"
O comité denuncia que os informativos do día posterior ao debate, "lonxe de informar sobre este importante evento con rigor e imparcialidade, arrouparon sen disimulo algún o candidato do PP, Alfonso Rueda, cun estilo que non deixaba lugar a dúbidas sobre o posicionamento dos e das responsables editoriais dos medios públicos galegos, que calcaron doutra volta o argumentario do PP ao respecto do mesmo que se filtrou ese mesmo día á prensa".
A representación do persoal pon exemplos, como o titular de apertura do Telexornal Mediodía, "toda unha declaración de intencións impropia dunha canle pública": "Alianza da oposición contra Alfonso Rueda”. O comité engade que a presentadora e redactora xefa, Marta Darriba, "intentou disfrazar de información unha sucesión de frases que, en puridade, constituirían unha columna de opinión, que debería asinar o mesmo Partido Popular".
"Un exemplo máis —e xa perdemos a conta— do que vimos denunciando desde hai case seis anos. Calquera día presenta Rueda os telexornais", reaccionou o colectivo Defende A Galega, a piques de cumprir 300 semanas de protesta contra a "manipulación" na CRTVG, achegando o vídeo da introdución do Telexornal que se inclúe nesta información.
O comité lembra que "a inmensa maioría" do persoal "non é responsable da infamia e vil manipulación" da CRTVG
"O primeiro que ve un espectador do Telexornal dese debate son dous choques dialécticos, un no que o candidato popular relaciona o BNG con ETA, e outro no que recrimina ao candidato socialista estar no Congreso. Dous temas que interesan á campaña dos conservadores, ningún fragmento a posteriori que, cando menos, equilibre a balanza cun mínimo rigor e sen respecto pola pluralidade que, aínda que lles pese a algúns, existe no país", di nun comunicado o comité que, ante as "críticas negativas" xurdidas á cobertura, quere lembrar que "a inmensa maioría das traballadoras e traballadores da CRTVG non son responsables desa infamia ou vil manipulación, que pola contra levan anos denunciando malia as represalias e os altos custos psicosociais".
"As persoas responsables teñen nomes e apelidos e forman parte, ben da alta dirección designada polo director xeral Alfonso Sánchez Izquierdo, ben dun equipo de confianza que coordina, edita ou presenta os principais espazos informativos", aclara o comité, que di querer trasladar á cidadanía galega "os modos e procederes anti-éticos cos que se elaboran as informacións fundamentais para o exercicio democrático, que menoscaban os principios básicos de servizo polos que se debe rexer a CRTVG". E prega á sociedade "que contribúa ao rescate dos medios públicos do país que urxe poñer ao servizo de todas e todos".
Porque as críticas continuas ao "control político" da CRTVG do que persoal ou oposición acusan a PP e Xunta son recorrentes desde hai anos, pero elevaron a súa contundencia en precampaña e en campaña. Pola denuncia do tratamento da crise dos pellets ou pola coincidencia na proposta de participantes no debate electoral entre populares e a dirección dos medios públicos. En definitiva, di a oposición, pola "instrumentalización" de fondos públicos e da CRTVG "ao servizo da estratexia electoral do PP".
Unha das gotas que rebordou o vaso foi o tratamento informativo que diferentes edicións do Telexornal da TVG deron hai dúas semanas do vídeo electoral que o PP difundiu sobre o perfil persoal do candidato e presidente da Xunta. Unha peza de case dous minutos, un panexírico no que "toman a palabra os máis próximos a el, entre eles as súas fillas e a súa nai", segundo a información da televisión pública no informativo.
Ao tempo, outra condena laboral á CRTVG destapou novas denuncias de "represión" nos medios públicos, unha constante desde hai anos e que provocou que a Corporación se vise implicada nunha morea de procesos xudiciais por demandas levadas a cabo por persoal que denuncia "represalias" por mobilizarse "contra a manipulación" ou por non seguir as directrices da dirección.