"Están nerviosos, porque saben que poden perder a maioría absoluta". É a convicción que existe no equipo de campaña do BNG cara ao 18F e é a circunstancia á que atribúen moitos dos movementos da Xunta e da CRTVG nos últimos días. Para o director da campaña do Bloque, Rubén Cela, nas últimas semanas está a incrementarse "claramente" o "uso de fondos públicos" e mais a "instrumentalización da CRTVG" ao "servizo da estratexia electoral do PP".
"É difícil diferenciar se son campañas da Xunta ou do PP, onde remata o gabinete de prensa do PP e onde empezan os informativos da CRTVG", coida Rubén Cela, xefe da campaña do Bloque
Sinala Cela que, a medida que se achega a cita coas urnas, "é difícil diferenciar se son campañas da Xunta ou do PP", caso das cartas remitidas polo Goberno galego e, "asinadas por Rueda, que estes días están recibindo as persoas maiores" xunto co carné para a poboación xubilada creado polo Executivo. O mesmo, di, sucede "coa campaña publicitaria do bono coidado", que aínda por riba "inclúe información que non se axusta á realidade, segundo denunciou o Colexio de Traballo Social".
Algunhas destas campañas serán freadas mediante denuncias na Xunta Electoral e outras, non, admite Cela. Pero "Alén de que sexan ou non legais", abonda, "non son razoables dende a perspectiva ética" igual que non o é que resulte "difícil saber onde remata o gabinete de prensa do PP e onde empezan os informativos da CRTVG. "É evidente", defende o nacionalista, que "a manipulación" nos medios públicos galegos "non é algo novo nin comezou nesta precampaña", pero "agora está sendo especialmente escandalosa".
Esta "instrumentalización", defende Cela, fai que o PP acuda "dobremente dopado" ás eleccións, para as que prevé unha campaña "especialmente enlamada". Os populares, advirte, xa están a facer uso frecuente da "mentira, a calumnia e a difamación" para "desacreditar os rivais", xa sexa para "acusar o BNG de participar nunha suposta campaña de bots rusos, nicaraguanos e non sei de onde mais" ou "tentar vincularnos con ETA".
Alén de suporen un "insulto á intelixencia dos galegos", o Bloque valora este contexto como mostra dun "nerviosismo ben fundado" nas filas conservadoras. "Como dixo Feijóo, o PP pode estar a un feixe de votos de perder a maioría absoluta", se ben o risco de perder o Goberno non implica que "en campaña poida valer todo". Non obstante, a formación soberanista coida que os populares preferirán "falar do sanchismo e de ETA" e non "de como resolver os problemas da Atención Primaria, da situación do sector do mar ou de que vai pasar co persoal de Alcoa", asuntos dos que, di, si se ocupa Ana Pontón.
"Rueda non debate porque ten medo"
Os nacionalistas reiteran a petición dun 'cara a cara' entre Rueda e Pontón e mais de dous debates na CRTVG, alén dos doutros medios. O PP só confima a asistencia do seu candidato ao convocado polos medios públicos para o día 5
Estas consideracións de Cela chegaban pouco antes da súa participación nun encontro cos seus homólogos de PP, PSdeG, Sumar e Podemos para abordar o debate electoral proposto pola CRTVG e outros que poidan celebrarse. Nese encontro o PP ratificou que Alfonso Rueda asistirá ao encontro dos medios públicos e volveu esquivar o 'cara a cara' proposto por Pontón, ao advertir que só participará se a candidata do BNG acode en representación de todas as formacións da esquerda.
Para o BNG, se Rueda non accede a ese cara a cara é "porque ten medo". En todo caso, di, seguirán defendendo que se programe e que se celebren, ademais dous na CRTVG a varias bandas, un en cada semana da campaña. Do memo xeito, Pontón xa confirmou que acudirá ao debate proposto por RTVE para a noite do mércores previo ás eleccións, confirmación que tamén trasladou o PSdeG para José Ramón Gómez Besteiro, mentres que os populares evitan facer o propio con Rueda.