Pontón advirte que o 18F non é "nin reválida de Sánchez, nin premio de consolación de Feijóo": "Vai de Galiza"

Ana Pontón, xunto a membros da candidatura do BNG pola provincia de Pontevedra, en Vigo CC-BY-NC-SA BNG

Ana Pontón participou este sábado en Vigo na presentación da candidatura do BNG pola provincia de Pontevedra, onde advertiu que as próximas eleccións autonómicas non son nin unha “reválida” de Pedro Sánchez nin un “premio de consolación para Feijóo"

A portavoz nacional fo BNG e candidata á presidencia da Xunta insistiu en afastar o foco da contenda estatal para lembrar que “estas eleccións van de Galiza". "Van de facernos valer cunha presidenta coas mans libres para defender os intereses dos galegos e das galegas, porque a min ninguén me vai poñer límites, nin desde Madrid, nin desde un consello de administración. Sei ben quen son, a quen me debo e de que lado quero estar, ao servizo da xente deste país”, dixo quen tamén puxo en valor o feito de que sexa a única muller con posibilidades de alcanzar a xefatura do Goberno no país. 

Pontón apela á mobilización masiva e á concentración das "ganas de cambio" no BNG como claves para que haxa mudanza política en Galicia

“En 43 anos houbo seis presidentes, todos homes e todos de forzas estatais, pero non lograron poñer este país no lugar que lle corresponde, por iso penso humildemente que Galiza vai saír gañando cunha presidenta, e convoco a cidadanía a que nos dea a oportunidade de demostrarlle que podemos facelo mellor, que Galiza vai saír gañando cun goberno do BNG”, destacou.

Así, convencida de que o cambio "é posible", a candidata do BNG dirixiuse a esa maioría social que quere "pasar páxina e abrir un tempo novo", sabendo que o 18 de febreiro só hai dúas alternativa, “un goberno con Rueda como presidente, que nos deixa un país en retroceso, peor do que encontrou, ou unha presidenta do BNG capaz de poñer en marcha a mellor Galiza, esa é a escolla”.

Por todo iso, Pontón apelou á mobilización e á concentración "das ganas de cambio" no Bloque, o que considera das dúas claves para que o goberno vire á esquerda en Galicia.

Acompañada en Vigo polos candidatos na lista de Pontevedra, Pontón avogou por deixar atrás confrontacións estériles e comprometeuse a ser a presidenta que cumpra con esta “gran cidade”, que terá nun goberno liderado polo BNG o “mellor aliado” para recuperar pulso industrial e ser o “motor económico de Galiza”.

Luís Bará, Ana Pontón ou Alexandra Fernández, en Vigo CC-BY-NC-SA BNG

En canto á candidatura pola provincia, destacou que se trata “gran equipo” de homes e mulleres comprometidos na tarefa de ter un Vigo con “máis oportunidades, benestar e futuro”, unha lista liderada por Luís Bará, de quen destacou a súa experiencia parlamentaria, o rigor e o seu coñecemento dos grandes temas de País, características que comparte con Montse Prado, “a voz en defensa da sanidade pública”; Alexandra Fernández, Paulo Ríos o Carmela González.

Pontón salientou ademais o “empuxe e forzas renovadas” que supoñen as novas incorporacións na lista do BNG, como Brais Ruanova, Ariadna Fernández, Marta Gómez, Xavier Rodríguez ou, pechando, o ex reitor Salustiano Mato.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.