As forzas políticas da actual oposición parlamentaria continúan a presentación das súas candidaturas polo país. Paralelamente, a súa candidata e candidato á presidencia, a nacionalista Ana Pontón e o socialista José Ramón Gómez Besteiro, debullan diversos aspectos dos plans que prevén aplicar no caso de chegaren ao Goberno tras as eleccións do 18 de febreiro. Este xoves ambos cadraron en poñer o foco nos servizos sociais en cadanseus actos principais da xornada.
O BNG compromete un incremento do 66% na achega da Xunta para o Servizo de Axuda no Fogar: de 12 a 20 euros por hora
No marco da presentación da candidatura do BNG pola provincia de Lugo, que encabeza Olalla Rodil, Pontón puxo cifras á reforma do Servizo de Atención no Fogar (SAF) que, di, se propón aplicar "como presidenta" se o vindeiro Parlamento a inviste como tal. O seu, di, sería un Goberno que "poña as persoas no centro" e por iso, promete, "o financiamento que os concellos reciben da Xunta para o SAF pasaría de 12 a 20 euros por hora" para "aumentar a calidade do servizo e chegar a máis familias".
Ademais, apunta Pontón, incrementar nun 66% o financiamento do SAF "axudaría a combater a precariedade" das traballadoras que prestan este servizo. "Temos que coidar a quen nos coida" e, enfatiza a líder do Bloque, "non aceptamos o modelo do PP", que "ou ben permite facer negocio co coidado as persoas maiores" ou "descarga o peso deses coidados sobre as mulleres". "Que as persoas maiores poidan estar na súa casa e ben coidadas será unha prioridade de país para o Goberno que eu presida", conclúe.
Mudar "os bonos electoralistas e pobres de Rueda por dereitos"
O candidato do PSdeG lamenta o "triste mérito" do PP de "non inaugurar unha soa residencia pública" en 14 anos e comprométese a inverter o seu modelo de "privatización progresiva da atención á dependencia"
Besteiro, pola súa banda, xuntouse este xoves coa directiva do Colexio Oficial de Traballo Social, que nestes días presenta as súas demandas ás forzas políticas que concorren ao 18. Unha das súas prioridades neste eido, adianta o candidato do PSdeG, será "desbloquear o servizo de atención á dependencia" e mudar "os bonos electoralistas e pobres de Rueda por dereitos", di, en referencia ao Bono Coidado presentado pola Xunta entre referencias a 5.000 euros anuais que, en realidade, son o resultado da revisión á alza mensual destas prestacións decidida polo Goberno de España.
O PP, lamenta, leva 14 anos "boicoteando este dereito" e "utilizándoo como mercadoría electoral" mentres aplica unha "privatización progresiva do sistema de atención á dependencia". Así, subliña, se o PP perde o Goberno, Rueda abandonará a Xunta eixando tras de si "o triste mérito de non ter inaugurado ningunha residencia pública en todos estes anos malia recibir 34 millóns de fondos finalistas do Estado dende 2021 para a construción de residencias con 3.174 novas prazas".
É "a xestión do PP", censura Besteiro, a que "provocou que Galicia sexa a comunidade autónoma coa menor porcentaxe de prazas públicas" en residencias da terceira idade e "a terceira con maior déficit de prazas residenciais". Se os populares continúan gobernando tras o 18F, advirte, este modelo continuará igual: "continuaremos sen novas prazas en residencias públicas e o Servizo de Axuda no Fogar continuará moi limitado".