"Somos traballadoras, non escravas": máis persoal de axuda no fogar únese á folga indefinida

Traballadoras do SAF de Covelo inician unha folga indefinida e concéntranse diante do concello CC-BY-SA CIG

As traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) dos concellos galegos inician un paro indefinido convocado pola CIG diante do preacordo asinado entre a patronal e outros sindicatos

Traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) de concellos de todo o país están convocadas a unha folga indefinida pola CIG para acadar un convenio que satisfaga as necesidades destas profesionais, que vén como se precarizan as súas condicións salariais e laborais. Desde este mércores, traballadoras do SAF de todos os concellos galegos poden unirse a esta reivindicación, como fixeron en Covelo, onde este mércores iniciaron un paro con concentracións diarias, ás 11.30 horas, diante do Concello. 

Reclaman "o dereito a un salario e condicións dignas" para o exercicio seu traballo con consignas como  'somos traballadoras, non escravas' ou 'CCOO e UXT nos venden á patronal', en alusión ao preacordo asinado por estes dous sindicatos que, segundo a secretaria nacional da CIG-Servizos, Transi Fernández, "contempla subas salariais por baixo do IPC"

Protesta das traballadoras do servizo de axuda no fogar SAF diante do Concello de Vigo no inicio da folga indefinida © CIG

A CIG-Servizos cifra a participación nesta primeira xornada de folga indefinida nos SAF "entre un 70 e un 80%"

A CIG-Servizos vén de cifrar a participación nesta primeira xornada de folga indefinida nos SAF "entre un 70 e un 80%". Transi Fernández salienta a "implicación das traballadoras”, que malia ter decretados uns servizos mínimos do 100% na maioría dos concellos, "buscan a forma de secundala unha vez feitos os labores esenciais".

A representante da CIG lembra que esta folga non se estaría producindo "se tiveramos un servizo totalmente público xestionado pola Xunta que garantira condicións salariais e laborais dignas e en igualdade de condicións para todas as traballadoras dos SAF".

A actualización do convenio debería significar un aumento salarial do 6,5% este ano, acorde coa suba do IPC no 2021

A Federación de Municipios e Provincias (FEGAMP) solicitou que a Xunta determinase os servizos mínimos desta folga indefinida, ao considerar que "análises xurídicas determinan inseguridade legal para os concellos" porque a programación dos servizos sociais é competencia do Goberno galego. Porén, a Xunta retrucou que "non está facultada" para ditar os servizos mínimos que se deben prestar porque a Lei de Servizos Sociais de Galicia establece que son os concellos os competentes na creación, xestión e mantemento dos servizos sociais comunitarios básicos, entre os que se atopa o SAF. 

O papel da Administración autonómica no que atinxe ao SAF é o de participar no seu financiamento, cubrindo aproximadamente o 70% do seu custe. O resto corre a cargo dos Concellos e, nunha pequena porcentaxe, dos usuarios do servizo, sinala a Consellería de Política Social, que ”confía en que poidan chegar a acordos” entre os Gobernos municipais e a patronal.

Concentración de traballadoras de axuda no fogar ante a sede da Xunta en Lugo, o pasado verán © CIG

As traballadoras do SAF teñen dereito a unha actualización dos seus salarios en base ao incremento anual do IPC, segundo indican o seu convenio colectivo sectorial e numerosas sentenzas xudiciais. No actual contexto de aumento histórico dos prezos, isto debería significar un aumento salarial do 6,5% este ano, acorde coa suba do IPC no 2021.

O preacordo asinado non só rebaixa este incremento salarial, senón que "introduce unha dobre escala salarial que suporá unha discriminación en función do concello no que se traballe", sinalan desde a CIG. "Aboca as traballadoras á precariedade e á pobreza", afirmaba na convocatoria da folga indefinida Transi Fernández. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.