O pasado 20 de outubro CC.OO. Hábitat facía pública a sinatura dun "preacordo para o novo convenio de axuda no fogar". Segundo o divulgado, implicaría unha suba do 6,5% do salario base neste 2022 e un 3,15% anual de 2023 a 2026, ademais de certas melloras en licenzas por enfermidade grave ou visitas médicas de familiares. A central sindical sinalou que o preacordado coa patronal "non satisfai ao 100% as reivindicacións" do persoal, pero supón "un avance que xustifica asinalo" e valoralo "en profundidade" para ponderar un "si definitivo" nunha táboa salarial de pouco máis de 15.500 euros brutos ao ano.
Unhas 25.000 persoas de avanzada idade e en situación de dependencia reciben atención do SAF con traballadoras que cobran apenas 15.500 euros brutos anuais
O pano de fondo desta negociación son as mobilizacións das traballadoras deste servizo, o coñecido como SAF, contra a precariedade laboral e pola aplicación da suba do 6,5% para compensar o IPC de 2021, en cumprimento do convenio. Son moitas as empresas que non están a aplicar esta actualización salarial e, igualmente, son moitos os concellos e administracións que non llo están a esixir a estas compañías, que xestionan un servizo público externalizado, resaltaban o pasado verán as traballadoras, cuxo labor consiste en atender unhas 25.000 persoas -segundo cifras da Xunta- de avanzada idade e en situación de dependencia nas súas propias casas.
Con este contexto, a federación de servizos da CIG confirmaba este 26 de outubro a súa aposta por manter as protestas, agora coa forma de folga indefinida dende o vindeiro 2 de novembro. "O preacordo asinado por CC.OO. e UGT contempla subas salariais por baixo do IPC" e "introduce unha dobre escala salarial que suporá unha discriminación en función do concello no que se traballe", sinalan. "Aboca as traballadoras á precariedade e á pobreza", sinala a súa secretaria nacional, Transi Fernández.
A CIG desmárcase do preacordo asinado por CC.OO. e UGT porque, alén da reclamada suba do 6,5% neste ano, pode dar lugar a que "a traballadoras dun concello lles apliquen incrementos do 3% e ás do lado, do 1%"
Cómpre ter en conta, sinala a CIG, que o convenio galego de axuda no fogar "levaba sen negociarse dende 2011" e a patronal "mesmo disolveu a súa asociación" para poder diluírse no convenio estatal, "pretensión que foi frustrada por decisión xudicial". "A partir de aí -lembran- ano tras ano o convenio subsistiu co incremento do IPC anual" sen que á patronal "lle interesase asociarse de novo ata o ano pasado, cando o IPC rematou no 6,5%". Foi neste punto cando se constituíu a mesa negociadora e alí "se puxo de manifesto que a maioría da patronal non estaba aplicando" ese incremento".
"Moitas das empresas galegas estaban aplicándoo, pero as estatais só aplicaron o 3,2% ou o 3,1%". E de aí o conflito que, coidan, non quedará solucionado nos termos do preacordo. Ese pacto -aínda non definitivo-, alertan, pode dar lugar a que "ás traballadoras dun concello no que non se saque o novo concurso ata dentro de dous anos lles apliquen incrementos do 1%" mentres "as do concello do lado, se licitan este ano, teñan incrementos do 3,15%" anuais. O acordo, admiten, ten "algunha mellora, como a redución de xornada", pero no global, a xuízo de Diana Rodríguez, responsable de comunicación de CIG-Servizos, "condenan as traballadoras a un empobrecemento aínda maior".
Por todo isto, a CIG-Servizos chama as traballadoras de axuda no fogar á folga indefinida dende o 2 de novembro. Antes, xa este xoves, convoca concentracións ante as empresas para "manifestar o seu rotundo rexeitamento a este convenio".