O compromiso do Goberno galego acabou sendo asumido pola Fundación Amancio Ortega, que entrega agora o centro de Santiago e está a piques co de Lugo, mentres na Coruña, Ferrol e Pontevedra aínda están en obras e Vigo e Ourense pendentes de permisos
En febreiro de 2017, hai case sete anos, o daquela presidente Alberto Núñez Feijóo anunciaba nunha rolda de prensa tras unha reunión do seu Goberno que a Xunta construiría unha nova residencia de maiores en cada unha das sete cidades galegas que sumarían máis de 900 novas prazas. Galicia estaba á cola de todas as comunidades autónomas en número de prazas públicas por habitantes maiores de 65 anos.
E así segue sete anos despois, cando aínda agora comezará a mudar lixeiramente a situación coa recepción por parte da Xunta das dúas primeiras residencias construídas -en Santiago este martes e en Lugo en breve- executadas finalmente pola Fundación Amancio Ortega, que as doa para que agora sexan públicas, aínda que o Goberno galego pode encargar a súa xestión a unha empresa privada, como xa fai con outros centros da súa titularidade co argumento de que non ten persoal pero si cartos para subcontratalas.
Porén, aínda haberá que agardar polas residencias de Pontevedra, A Coruña e Ferrol, áinda en obras, e moito máis polas de Ourense e Vigo, pendentes dos permisos urbanísticos. Cando estean en servizo, as súas 900 prazas sumaranse ás algo menos de 5.000 xa existentes en residencias de titularidade pública, pero aínda quedarán moi lonxe das máis de 17.000 prazas de titularidade privada existentes en Galicia, parte das cales son á súa vez concertadas pola Xunta aínda que lle saian máis caras.
Galicia está á cola do Estado en prazas de residencias e a gran maioría son privadas, aínda que boa parte concertadas coa Xunta, que tamén subcontrata a xestión de varios dos centros públicos
A promesa de Feijóo de febreiro de 2017 consistía en dúas residencias de 150 prazas e 90 empregados cada unha para Vigo e A Coruña e outras cinco residencias de 120 prazas e 75 empregados para as outras cinco cidades. Feijóo tamén cifrara o plan en 47,7 millóns de euros e mesmo detallara os emprazamentos concretos dos centros en cada unha das cidades. Porén, boa parte deles acabaron mudando cando se constatou que as ideas iniciais do Goberno galego non eran as adecuadas. O que non impediu que o presidente reciclase a súa promesa en sucesivos anuncios, como cando en outubro de 2018, nun debate de política xeral, aseguraba que ía cumprir o compromiso naquela mesma lexislatura.
Pero non foi así. Dous anos e medio despois daquela promesa a Xunta asinaba un acordo coa Fundación Amancio Ortega, que asumía a construción e dotación interior das sete residencias, xa cun orzamento duplicado, de 90 millóns de euros, para despois doalas á administración.
E este martes a presidenta desa fundación, Flora Pérez Marcote, fixo entrega á Xunta do primeiro dos centros, o de Santiago, na zona do Castiñeiriño, ao sur da cidade, moi lonxe do barrio de Fontiñas no que a prevía Feijóo inicialmente. Tamén está a piques de ser entregado o centro de Lugo, no complexo da antiga Residencia sanitaria da cidade e o barrio que leva ese nome.
Rueda di que as executadas por Amancio Ortega serán "das mellores residencias de maiores do mundo" tras cuadruplicarse o orzamento previsto inicialmente por Feijóo en 2017, de 47,7 millóns, e chegar a 180 millóns
No acto deste martes en Santiago o presidente Rueda volveu aumentar a estimación de custo das sete residencias, agora ata os 180 millóns de euros, catro veces máis que o previsto inicialmente por Feijóo e dúas veces máis que cando se asinou o acordo coa Fundación Amancio Ortega, incremento que atribuíu "á calidade do proxecto construtivo e o carácter vangardista do equipamento instalado". De feito, Rueda asegurou que as sete residencias serán "das mellores do mundo".
No caso do centro de Santiago recibido este martes o seu custo foi de 25 millóns de euros e conta con 120 prazas distribuídas en 42 habitacións individuais e 39 dobres. Segundo Rueda, con elas o total de prazas públicas en Galicia será de 15.000, cifra na que conta non só as prazas en residencias titularidade da Xunta ou doutras administracións, como as deputacións, unhas 5.000, senón tamén as prazas privadas concertadas pola administración.
Tras esta residencia de Santiago a seguinte en recibir a Xunta da Fundación Amancio Ortega debera ser a de Lugo, co edificio xa rematado en ultimando o seu equipamento. Porén, máis demoradas están as residencias das outras cidades, xa que as da Coruña e Pontevedra aínda recibiron os permisos para a súa construción o pasado ano e a de Ferrol neste. Porén seguen pendentes da tramitación urbanística as de Ourense e Vigo, onde se emprazará en terreos da antiga escola da Armada en Teis, un novo conflito entre Concello e Xunta fai que a tramitación vaia aínda máis atrasada.