A candidata do BNG quere mobilizar vivendas baleiras para alugueiro e que toda a nova vivenda pública que se constrúa se dedique a esa finalidade
A candidata do BNG á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, avanzou este venres algunhas das medidas que quere poñer en marcha desde o Goberno galego para facilitar o acceso á vivenda, un “dereito fundamental” que en Galicia, di, “non se cumpre para unha parte moi importante da cidadanía”.
A proposta defendida pola candidata nacionalista pasa por desenvolver un plan de mobilización de vivenda baleira, mediante o que a Xunta compre vivenda e a poña a disposición da cidadanía en réxime de alugueiro, "tendo en conta que nestes momentos hai 500.000 vivendas baleiras, das que 90.000 están concentradas nas grandes cidades".
Pontón avanzou tamén o impulso dunha lei para gravar cun "imposto aos grandes tenedores como a banca, os fondos de investimento ou as grandes empresas que acumulan un volume moi importante de vivenda no país e que alcanza os 15.000 inmobles, segundo distintos estudos".
Esta nova taxa, que "en ningún caso afectará aos propietarios particulares" e que xa se aplica en distintos países europeos e noutros territorios do Estado, "permitiría obter 40 millóns de euros adicionais ao longo da lexislatura" que a Xunta destinaría a recuperar as políticas públicas de vivenda “dinamitadas polo PP nos últimos 15 anos".
Pontón tamén comprometeu “máis recursos” para a construción de vivenda pública pero admitindo que esa é unha política pública “máis a longo prazo”. Nese sentido, avanzou unha modificación legal para blindar por lei que toda a vivenda pública que se constrúa en Galicia se dedique ao alugueiro.
Segundo explicou a líder nacionalista logo do encontro que mantivo coa directiva do Colexio Oficial de Arquitectos, estas medidas "permitirían no horizonte de 2040 elevar ao 5% o parque galego de vivenda pública, situado actualmente só no 0,3% mentres no conxunto do Estado está no 1,1%", moi por debaixo doutros países desenvolvidos.
“Se obteño a confianza dos galegos e das galegas, vou facer da política social de vivenda unha prioridade”, anunciou, porque “necesitamos que as persoas poidan desenvolver o seu proxecto de vida e para iso é básico poder acceder a unha vivenda”, concluíu.