Dende o 23 de decembro de 2008 a comisión mixta Xunta-Estado non se reúne para tratar materias de grandes traspasos de competencias. Dende aquela só houbo dúas xuntanzas: a finais de 2009, para asinar o novo modelo de financiamento autonómico negociado con anterioridade, e en xuño de 2022, un encontro que a Xunta evitou revelar e no que recibiu visto e prace que o Goberno galego xestione o imposto de vertedoiros e incineración de lixo.
Xa pasou, daquela, máis de década e media dende a chegada á Xunta de novas transferencias de competencias. É unha seca que a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, promete procurar reverter se o Parlamento que xurda das eleccións do vindeiro 18 de febreiro a elixe presidenta. E fixa datas e materias: "nos primeiros cen días de goberno", asegura, comezará a "negociar o traspaso e rescate" das autoestradas AP-9 e AP-53.
Nun contexto político marcado polas subas de tarifas co inicio do ano, pero tamén polos descontos en ambas vías pactadas polo BNG co PSOE para a investidura de Pedro Sánchez, Pontón acompañou este luns a un camioneiro un traxecto entre Sigüeiro e Lalín -pola AP-9 ata Santiago e pola AP-53 ata a capital do Deza- para "coñecer de primeira man os efectos da carestía das peaxes" no sector do transporte e co ncretar a súa promesa.
A candidata do BNG acompaña un camioneiro para "coñecer de primeira man os efectos da carestía das peaxes" no transporte, lembra os descontos nas tarifas pactadas pola súa formación e subliña que a concesión da AP-9 remataría o pasado agosto "se Aznar non a ampliase ata 2048"
Como presidenta, mantén, dará "un paso adiante para negociar a transferencia das autoestradas galegas, como xa conseguiron vascos e cataláns" e tamén para poñer o foco no rescate da concesión da "requeamortizada" AP-9, un rescate para o que "hai varias vías", mantén. "É o momento de ter un goberno que se comprometa a conseguir a transferencia e a que esta sexa libre de peaxes", resume.
Matiza Pontón que, ao tempo, cómpre "poñer en valor o acadado até agora polo BNG", coas bonificacións do 50% na viaxe de volta con telepeaxe. Tamén os descontos de ata o 75% que, en virtude do pacto cos socialistas, deberan entrar en vigor este mesmo ano.
Ao tempo, resalta a líder do Bloque, cómpre ter en conta que o "agravio" das peaxes ten a súa orixe actualmente, no caso da AP-9, na prórroga da concesión aprobada polo Goberno de España no ano 2000. "Se non for pola decisión do Goberno de Aznar de ampliar a concesión da Autoestrada do Atlántico ata o ano 2048, dende o pasado 17 de agosto non estariamos obrigados a pagar peaxes" nesta vía.