Na campaña electoral de 2009 que acabaría levándoo á Presidencia Alberto Núñez Feijóo alegou diferentes razóns para xustificar a súa negativa a acudir a un debate electoral con Emilio Pérez Touriño e Anxo Quintana, na altura presidente e vicepresidente da Xunta e cabezas de cartel de cadansúas forzas políticas, o PSdeG e o BNG. O actual ex-presidente e máximo responsable do PP no Estado aludiu, por exemplo, que debater na TVG supuña acceder a un "teatrillo amañado" ou que pretendían sometelo a un "dous contra un".
Os conservadores reciclan a negativa de Feijóo para non acudir a encontros cara a cara agás no caso de que todos os partidos da esquerda estean representados por unha única persoa
Antes de negárense definitivamente a debater -aquela campaña finalizou sen debate ningún por mor do boicot de Feijóo-, os populares aseguraron estar dispostos a facelo se a proposta de debate a tres levaba anexos outros, como debates "bilaterais" a dúas bandas que incluísen un enfrontamento televisado entre Touriño e Quintana. Ou tamén un cara a cara no que o socialista exercese de representante tanto do PSdeG como do BNG. O xefe daquela campaña do PP era Alfonso Rueda.
Esta última idea é a que vén de reciclar o PP década e media despois para marcar o terreo de xogo dos debates electorais cara ás eleccións do 18F. Agregando, non obstante, que o seu novo candidato si asistiría a un encontro nos medios públicos galegos, aínda que con condicións.
Despois de que a CRTVG avanzase que prevé celebrar un único debate, o PP agrega que Rueda acudiría por ser o "foro idóneo" e pide que nel participen BNG, PSdeG e Sumar, evitando outras forzas da dereita
Despois de que, a finais de decembro, a Corporación Radio e Televisión de Galicia sinalase a través das redes sociais que "o debate electoral da CRTVG se celebrará o 5 de febreiro ás 21:30 h", sen ofrecer máis detalles, os populares indicaron este 16 de xaneiro que a súa intención é accederen a un único debate, na CRTVG e a catro bandas. Así o manifestou a súa secretaria xeral e xefa de campaña, Paula Prado, en declaracións á prensa e tamén en cartas remitidas aos seus homólogos doutras formacións políticas.
Defende Prado que, para o PP, agora a CRTVG é "o foro idóneo para a celebración do debate entre os candidatos". Nel deberan estar, reclama, as "formacións que obtiveron representación nos últimos comicios", en referencia ás eleccións xerais de xullo do ano pasado: o propio PP e mais o BNG, o PSdeG e Sumar. Hai catro anos, en 2020, a formación conservadora accedera de bo grao a que Feijóo acudise a un debate non só coas principais forzas da esquerda que concorrían aos comicios, senón tamén con Vox e Ciudadanos.
Os populares analizaban daquela que a presenza dun amplo número de partidos a dereita e esquerda reforzaba a posición de centralidade do seu líder. Desta volta, evitan mencionar a Vox pero tamén a Democracia Ourensana, formación que volve concorrer tras a súa ausencia en 2020 -en virtude dun pacto co propio PP- e que, segundo algúns inquéritos, ten altas posibilidades de obter representación no vindeiro Parlamento.
O PP obvia outros debates xa ofrecidos coma os de RTVE e a SER, ao que tanto Pontón como Besteiro xa se brindaron a asistir
Nin na súa declaración pública nin na devandita misiva Prado menciona a posibilidade de que Rueda acuda a ningún debate máis dos xa ofrecidos. Faino aínda que, cando menos, ese ofrecemento xa existiu por parte da Cadena SER e de RTVE, que ofreceu formalmente un debate con Rueda, Ana Pontón e José Ramón Gómez Besteiro para o 14 de febreiro, mércores previo ás eleccións.
Prado si apunta a que, "dado que algunha organización ten plantexado a posibilidade de celebrar un cara a cara", Rueda acudiría se "designan un representante do multipartito para levar a cabo esta opción". A única petición dun cara a cara ata o momento foi a do BNG, que pediu á CRTVG un debate entre Pontón e Rueda por seren "as dúas alternativas reais" para a presidencia da Xunta nos vindeiros catro anos.
Alén disto, o Bloque xa avanzou a súa disposición de acudir aos debates que sexan convocados, a comezar por confirmar a presenza de Pontón nos da CRTVG, RTVE e a SER. Tamén o socialista Besteiro ratificou que está disposto a acudir aos debates que se convoquen e concretou que a súa aposta sería que se celebrasen seis: dous de ámbito galego e un debate territorial en cada provincia.
Nun comunicado, o BNG reiterou a súa predisposición aos debates, reiterou a súa petición dun cara a cara entre Ana Pontón en Rueda e criticou o "escapismo" de Alfonso Rueda, que considera "unha mostra de debilidade".