A viceportavoz do BNG, Olalla Rodil, anunciou que este martes defenderá no pleno a proposta para a reforma da lei electoral co obxectivo de, entre outras cousas, facer obrigatorios dous debates nos medios públicos galegos en cada campaña electoral.
Rodil, que lembrou que a lei apenas foi mudada en case 40 anos e ten "carencias que fan precisa a reforma", lamentou que a radio e a televisión pública "convertéronse nos últimos tempos nun instrumento partidista ao servizo do PP", pero "de maneira obscena" nas últimas semanas onde o PP está "omnipresente" nos telexornais de múltiples formas "mentres que o resto das opcións políticas aparecen reducidas á mínima expresión".
“Trátase de adaptar a lei electoral galega á realidade social actual e, sobre todo, garantir un maior respecto polo pluralismo político", di Rodil
Rodil tirou mesmo de ironía e aludiu, en referencia a Alfonso Rueda, a “esa persoa que ten moita sorte” porque “aparece no medio do informativo e en horario de máxima audiencia”, sen que ao resto de líderes políticos se lles dea esa oportunidade.
Na súa proposta, o BNG aposta tamén por incluír entrevistas ás persoas candidatas das distintas opcións políticas en horario de máxima audiencia. “Trátase de adaptar a lei electoral galega á realidade social actual e, sobre todo, garantir un maior respecto polo pluralismo político que existe no país, fundamentalmente a través dos medios de comunicación públicos”, dixo Rodil.
A deputada nacionalista lembrou, ademais, que nos últimos procesos electorais, tanto nas municipais como nas xerais, a CRTVG "negou o dereito aos galegos ao pluralismo político" e lembra todas as "canles públicas e privadas organizaron debates en horario de máxima audiencia", a CRTVG "emitiu un único debate ás dez da mañá en día laboral, impedindo que a xente puidese velo". Un horario que, ademais, foi defendido con vehemencia pola dirección xeral dos medios públicos.
O BNG propón ampliar o dereito ao voto á poboación de 16 anos en diante, algo que xa está recoñecido en Austria, Escocia ou catro estados de Alemaña
Rodil tamén recordou a "obriga dos medios de comunicación públicos de reflectir o pluralismo político da sociedade, sen tentar teledirixir a opinión da xente do país", e puxo de manifesto "a relevancia cada vez maior que teñen os debates electorais, que deben estar regulados por lei e ter un carácter obrigatorio".
Durante rolda de prensa, a deputada do BNG fixo fincapé tamén na necesidade de "ampliar o dereito a voto" ás persoas de máis de 16 anos, unha idade na que xa existe o consentimento activo para outros ámbitos da vida diaria, como mesmo asinar un contrato laboral ou casar.
"Queremos por tanto recoñecer o dereito da mocidade a participar activamente nas decisións", manifestou a deputada nacionalista, quen lembrou que nas últimas semanas falouse tamén de modificar lexislacións referidas ao consumo de bebidas enerxéticas, uso do teléfono móbil ou outras que afectan á súa vida de forma directa.
A maioría de idade para votar aos 16, como lembrou Rodil, xa está recoñecida en países da nosa contorna como Austria ou Escocia, e en catro estados (länders) de Alemaña, entre eles o de Bremen.
A reivindicación da rebaixa da idade permitida para exercer o dereito ao voto non é nova no BNG. É un debate que planea a esfera política dende hai tempo, que o Congreso abordou e rexeitou o pasado 2022 e que, no caso galego, leva abordando o Bloque dende hai anos en diversos documentos políticos.
A decisión implicaría que o censo medrase nunhas 46.000 persoas nas vindeiras eleccións galegas, por exemplo. Chegaría nun momento no que o electorado máis mozo -o da franxa de 18 a 35 anos- é minoría dentro do censo electoral galego e continúa marcando mínimos elección tras elección. Así, por exemplo, nas vindeiras eleccións do 23X Galicia terá un 45% menos electorado mozo e un 21% máis de maiores de 65 que nas primeiras xerais do século, celebradas en 2004.