O plan de cobertura da Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) para as eleccións municipais do vindeiro domingo 28M incluíu sete debates electorais, un por cada unha das principais cidades, aos que estiveron convocadas as forzas políticas con representación nestes concellos. Estes debates, en liña polo horario decidido polos medios públicos en anteriores eleccións, foron programados para as 10 da mañá e gravados nun estudio radiofónico "multimedia" para difusión conxunta ao vivo pola primeira canle da Televisión de Galicia, a Radio Galega e o sitio web da CRTVG. Posteriormente, repítense ás 22h45 do mesmo día pola segunda canle da TVG.
Como tamén sucedera en anteriores ocasións, as forzas políticas da esquerda amosaron a súa disconformidade co horario elixido para emitir estes debates na televisión pública por consideraren que, ao tratarse dunha franxa de baixo consumo televisivo, responde a unha intención de que pasen o máis desapercibidos posibles. Outra volta, o debate chegou este mércores á comisión de control da CRTVG no Parlamento a través dunha iniciativa da deputada Olalla Rodil (BNG), que obtivo do director xeral da compañía, Alfonso Sánchez Izquierdo, unha pechada defensa da decisión.
"Cando está vendo a televisión a maioría da sociedade", preguntouse retoricamente a deputada antes de evidenciar que o horario de máxima audiencia, o prime time, é arredor das dez da noite. E os medios públicos, subliña, teñen por lei a obriga de "axustar a programación ao público potencial ao que vai dirixido", neste caso, as arredor de 2,2 millóns de persoas con dereito ao voto nas eleccións municipais. E ás 10 da mañá, ironiza "con todo o respecto", non está vendo a televisión "nin Cristo".
Rodil (BNG) subliña que os debates do 28M programados pola TVG están tendo unha audiencia media dunhas 11.000 persoas na TVG e que o 'prime time' da televisión é arredor das dez da noite: "Negan á cidadanía un dereito fundamental"
Para Rodil, boa mostra da irrelevante audiencia dos debates son os datos dos xa emitidos. "A audiencia media é de 11.000 persoas, vive máis xente en Vilalba", ilustra, antes de subliñar que o de Vigo -ao que non acudiu o alcalde e candidato á reelección polo PSdeG, Abel Caballero- foi seguido por unhas 8.000 persoas e o de Lugo, que tivo un resultado mellor que o resto, apenas roldou as 12.00.
No mesmo día que o debate lucense, comparou, o programa de cociña que emite a TVG ás 13h tivo unha audiencia próxima ás 51.000 persoas. "Están negando á cidadanía un dereito fundamental", tamén "aos que os votan a vostedes", sinalou dirixíndose á bancada do PP, para resaltar que estes debates non consiste en que os partidos poidan gozar "dun minuto de gloria" en televisión.
Xustificación de Sánchez Izquierdo
Despois de que, en anteriores eleccións, o propio director xeral xustificara programar os debates electorais na TVG ás 10 da mañá para "comezar o día construíndo a axenda da actualidade e que os galegos e galegas sexan os primeiros en coñecer a opinión dos seus representantes", desta volta principiou a súa resposta considerando que a intervención de Rodil non estivo "á altura do que eu estimo dos seus coñecementos en materia audiovisual, que os teño por moi altos e postos ao día". Porque non ten en conta, reprocha, que se trata dunha emisión "mixta" en televisión, radio e internet.
Sánchez Izquierdo considera que a crítica de Rodil (BNG) ás audiencias dos debates na TVG ás 10 da mañá non están "á altura dos seus coñecementos en materia audiovisual" porque tamén son emitidos pola radio e internet
Neste sentido, "falar de audiencias" é "un enfoque moi diferente ao facelo ao redor dun único soporte". E "a audiencia arrastrada deste debate" contándoos todos "multiplicou por 80 a audiencia do programa da emisora privada que estaba no seu lugar".
Ademais, xustifica, canles autonómicas como a asturiana TPA, o andaluz Canal Sur, a vasca ETB2, ou Aragón TV emitiron debates electorais nos últimos días con audiencias máis baixas que os da CRTVG. A excepción, di, é o debate electoral de Barcelona que TV3 emitiu este martes. "Lamento que non teñamos unha Barcelona nós tamén en Galicia", concluíu, para despois agregar que logoru un 11,9% e o programa anterior, un 20,6%.
"Son datos obxectivos aos que non achego ningunha caste de valoración" por celebrarse a sesión en campaña, sinalou Sánchez Izquierdo, que relegou a posteriores debates outras posibles consideracións. E por riba de todo, concluíu, a Xunta Electoral rexeitou os recursos interpostos por BNG e Vox -por motivos diferentes- contra o plan de cobertura.
"Non debe ser tan mala hora", agrega o director xeral, porque Radio Galicia emitiu o seu debate de candidatos de Santiago ás 10 da mañá e as forzas políticas acudiron no canto de atender o da CRTVG, convocado despois
En calquera caso, e despois de que a CRTVG cancelase o debate municipal de Santiago por non acudir as forzas políticas convocadas (Radio Galicia - Cadena SER convocara o seu debate con anterioridade para o mesmo día e á mesma hora), o director xeral considera que as 10 da mañá "non debe ser tan mala hora". Rodil xa antepuxera que o prime time da radio non é o mesmo que o da televisión.
Mentres Sánchez Izquierdo comparecía no interior da Cámara, no exterior manifestábanse membros do Comité Intercentros da CRTVG, que continúan mobilizándose para esixiren, entre outros aspectos, o cumprimento íntegro da lei de medios, incluíndo a substitución do propio director xeral por outra persoa elixida por maioría cualificada do Parlamento, así como a fin da inxerencia da "manipulación informativa", din, a prol do PP. Sánchez Izquierdo foi increpado polo persoal mobilizado ao chegar en coche ao Pazo do Hórreo.