Elección tras elección, os datos da Oficina do Censo Electoral para Galicia veñen acreditando dúas dinámicas persistentes: a redución do electorado residente en Galicia e o seu envellecemento. Os datos actualizados para os comicios xerais do 23 de xullo varían moi escasamente os das municipais do pasado 28 de maio, con cifras totais practicamente idénticas, pero son elocuentes ao comparármolos, por exemplo cos das primeiras eleccións xerais celebradas neste século, hai apenas dúas décadas.
Ao ollarmos as cifras relativas a aquelas xerais do ano 2004 comprobamos como o electorado máis mozo, o da franxa de 18 a 24 anos, é un 45% menor que daquela, o que se traduce en case 300.000 persoas menos. Na banda contraria, o 23X están chamadas ás urnas en Galicia un 21% máis de persoas maiores de 65 anos (un incremento de case 125.000) e un 22% máis de poboación entre 50 e 64 anos (case 108.000 máis).
Naqueles primeiros comicios xerais do século, nos que a vitoria final foi para o PSOE que encabezaba José Luis Rodríguez Zapatero, o electorado galego de entre 18 e 34 anos superaba as 660.000 persoas e o de 65 ou máis anos cumpridos apenas superaba as 590.000. O continxente electoral máis amplo era, daquela, o considerado estatisticamente como mocidade.
A comezos de século o electorado mozo era o grupo máis numeroso en Galicia. Agora apenas supera as 366.000 persoas mentres o grupo de maiores de 65 xa está por riba das 700.000
Agora, para o vindeiro 23 de xullo, o electorado menor de 35 é o menos relevante en Galicia en termos numéricos. Apenas supera as 366.000 persoas. Na banda contraria, o electorado maior de 65 supera por segunda vez as 700.000 persoas -aconteceu por primeira vez nas pasadas municipais- e o de 50 a 64 anos achégase ás 600.000. En total, a poboación con dereito a voto que ten 50 ou máis anos é case o 60% do total do corpo electoral de Galicia.
Estas variacións na demografía electoral do país teñen consecuencias en canto á orientación dos programas electorais e tamén no sentido do voto. Os sucesivos estudos postelectorais acreditan que a idade do electorado non é o único factor determinante, nin de lonxe, pero si que existen diferentes comportamentos electorais en función da idade e que poden chegar a condicionar os gobernos.
Así, por exemplo, no estudo realizado polo CIS tras as últimas eleccións galegas, as de 2020, a portavoz nacional e candidata do BNG, Ana Pontón, figuraba como líder máis valorada en todas as franxas de idade agás na de maiores de 65 anos, na que predominaba a preferencia polo popular Alberto Núñez Feijóo.