Apenas vinte e catro horas. É o que transcorreu dende a fin do período electoral das eleccións municipais e o comezo do correspondente aos comicios xerais do 23 de xullo, que Pedro Sánchez decidiu anticipar o pasado luns e que este martes xa son oficiais coa publicación da súa convocatoria no BOE.
Esta convocatoria pon en marcha todos os prazos ligados aos comicios. Entre eles, os das solicitudes do voto por correo, unha vía para a participación electoral que previsiblemente será especialmente relevante por ser a cita coas urnas en pleno verán, cadrando con períodos vacacionais de parte da poboación e tamén nun domingo previo a unha ponte festiva, a do Día Nacional de Galicia, un martes 25 de xullo que tampouco é laborable noutros puntos do Estado.
Segundo o calendario divulgado pola Oficina do Censo Electoral, dende este 30 de maio é posible solicitar o voto por correo para a poboación que resida en territorio do Estado español. Ata o día 13 de xullo poderá realizarse este trámite nas oficinas de Correos -é posible pedir cita previa- e os impresos tamén están dispoñibles no sitio web do INE. Para realizar a solicitude é preciso identificarse a través do carne de identidade ou documento equivalente.
Do 3 ao 16 de xullo, as delegacións provinciais da Oficina do Censo remitirán ao electorado que o solicitase a documentación necesaria para votar: sobres, papeletas de todas as candidaturas da súa circunscrición e copia da inscrición no censo. Dende o propio día 3 e ata o 20 de xullo -inicialmente fixouse para o día 19, pero foi ampliado o 9 de xuño-, o electorado ten que remitir o seu voto e mais o impreso de inscrición no censo a través de Correos por vía certificada e sen custo económico. O día das eleccións, persoal da empresa postal pública achega os votos a cada colexio electoral, onde son mesturados nas urnas cos emitidos presencialmente.
Veto ao 'autobombo' e prazos electorais
A convocatoria das eleccións do 23X activa tamén a prohibición que dende 2011 veta a celebración de inauguracións ou campañas e actos destinados a salientar "logros" dos gobernos. Esta prohibición atinxe a todas as administracións e non só ao Goberno de España, aínda que se trate dunhas eleccións ao Congreso e ao Senado.
A convocatoria tamén ratifica o número de escanos no Congreso por circunscrición, que no caso das galegas seguen sumando 23
A convocatoria fixa tamén os prazos da campaña electoral, que comezará ás cero horas do venres, 7 de xullo, e rematará ás 23:59 do día 21. Como manda lei electoral, ata que comece a campaña está "prohibida a realización de publicidade ou propaganda electoral mediante carteis, soportes comerciais" ou insercións nos medios de comunicación. Ao contrario dos anuncios divulgados nas últimos semanas, de agora en diante "non poden xustificarse polo exercicio das actividades ordinarias dos partidos".
Do mesmo xeito, no mesmo documento publicado no BOE deste 30 de maio ratifícanse as cifras de escanos que corresponden a cada circunscrición. No caso galego seguen sendo 23: 8 pola Coruña, 4 tanto en Lugo como en Ourense e 7 en Pontevedra.