É un debate que planea a esfera política dende hai tempo, que o Congreso abordou e rexeitou o pasado 2022 e que, no caso galego, leva abordando o BNG dende hai anos en diversos documentos políticos: ampliar o dereito ao voto para que comece a ser tal para a poboación de 16 anos en diante. Nesta liña vai a proposición de reforma da lei de eleccións que a formación soberanista se dispón a rexistrar no Parlamento.
"Se tes idade para traballar e pagar impostos, tamén a tes para votar e decidir o futuro do teu país", defende Ana Pontón. A proposta suporía incorporar unhas 46.000 persoas ao censo galego
"Non hai que ter medo á participación política da xente nova", resume a portavoz nacional do Bloque na defensa dunha proposición de lei que ten escasas posibilidades de éxito -o PP vénse manifestando en contra- pero que procura poñer en primeiro plano un debate que, a xuízo de Ana Pontón, persegue "facer máis democrática a elección de representantes da cidadanía". "Nun momento no que medra a desafección política, temos a responsabilidade de facer os cambios necesarios para que máis cidadanía se sinta representada".
Así, a reforma electoral do Bloque aséntase en dous piares. O fundamental, que o dereito ao voto entre en vigor non coa maioría de idade, aos 18 anos, senón ao facer os 16. É nese punto, sinala Pontón, no que cada persoa xa pode adoptar decisións de seu en materia sanitaria, pero tamén casar ou traballar. "Se tes idade para traballar e pagar impostos, tamén a tes para votar e decidir o futuro do teu país", argumenta.
A reforma da lei de eleccións promovida polo BNG inclúe a obrigatoriedade dun mínimo de dous debates electorais por campaña nos medios públicos
Esa ampliación do dereito ao voto iría ao "segmento da poboación á que máis afectan as decisións políticas de hoxe, que é cando escribimos as decisións políticas de mañá", e polo tanto "teñen dereito a que se escoite a súa voz", cre Pontón. Ademais, engade, "a xente moza ten demostrada a súa implicación" política co "impulso de grandes aos que nos enfrontamos hoxe en día", como a loita contra a crise climática.
Esta decisión implicaría que o censo medrase nunhas 46.000 persoas nas vindeiras eleccións galegas. Chegaría nun momento no que o electorado máis mozo -o da franxa de 18 a 35 anos- é minoría dentro do censo electoral galego e continúa marcando mínimos elección tras elección. Así, por exemplo, nas vindeiras eleccións do 23X Galicia terá un 45% menos electorado mozo e un 21% máis de maiores de 65 que nas primeiras xerais do século, celebradas en 2004.
A proposta de reforma electoral do BNG complétase coa reclamación de incluír na lei de eleccións a obrigatoriedade de celebrar "polo menos dous debates dos principais candidatos e candidatas" ás eleccións galegas nos medios públicos "e en horario de máxima audiencia". Estes debates, defende Pontón, "non son un dereito dos partidos políticos", senón "da cidadanía" e garantilos é tanto como "mellorar a calidade democrática". Evitaría así así, sinala, que volvese haber campañas sen debates ou que estes sexan relegados a horarios de escasa audiencia.