O BNG reclamou por carta ao director xeral da CRTVG a organización doutro debate entre os candidatos á presidencia da Xunta na última semana da campaña electoral, á marxe do xa fixado para a primeira, así como un cara a cara entre a súa líder, Ana Pontón, e o aspirante do PP, Alfonso Rueda.
Foi o coordinador de campaña dos nacionalistas, Rubén Cela, quen remitiu a misiva e quen este martes en rolda de prensa lembrou que o BNG xa confirmou a súa presenza nos tres debates propostos: o do 2 de febreiro na Cadena Ser, o do día 5 na CRTVG e un último na RTVE o día 14.
O BNG pide a Rueda e ao PP "que non se agoche" e á CRTVG que "cumpra a función que debera ter" no proceso electoral
Logo da reunión do comité do BNG que organiza a axenda da campaña electoral, Rubén Cela dixo estar convencido de que os galegos verían "con bos ollos que un medio público como a CRTVG ofrecese estes debates nun contexto no que, segundo indicou, "as enquisas apuntan a un PP á baixa e a un Bloque Nacionalista Galego claramente á alza, reforzando a súa posición alternativa ao PP".
“É esencial en democracia o contraste das opinións e que a cidadanía poida contrastar os e as candidatas e as súas alternativas programáticas”, engadiu Cela, que cre que nese "contexto" do que fala "é máis importante que nunca que se poida producir esta cara a cara e que os galegos poidan ver, en primeira persoa e sen filtros, as dúas alternativas entre as que realmente se van bater estas eleccións do 18 de febreiro". As dúas "alternativas reais para liderar o próximo goberno", detalla o BNG nun comunicado.
Por iso, considerou necesario que Rueda e o PP "non se agochen" e que "non teñan medo a debater", así como que os medios públicos "cumpran a función que debaterían ter nun proceso electoral coma este".
Por outra banda, Rubén Cela destacou que o Bloque sae "a por todas" nestas eleccións autonómicas, cunha "campaña propositiva e en positivo" afastada das "leas" das forzas estatais, coa que percorrerá todo o país para explicar a súa alternativa de goberno para lograr ter por primeira vez unha presidenta á fronte da Xunta.
Todo iso, indicou, na que será "a campaña máis intensa da historia do BNG" e que terá como "pistoletazo de saída" un acto o vindeiro domingo, día 7 de xaneiro, en Rianxo, onde o BNG organizará un gran acto coincidindo co aniversario do nacemento de Castelao.
En canto á campaña electoral, Cela avanzou que o BNG combinará a posta en marcha de "actos masivos" con outros máis pequenos, dos que irán dando conta a medida que avancen as semanas. Ademais da líder da formación e candidata á presidencia da Xunta, Ana Pontón, tamén terán axenda propia as cabezas de lista polas catro provincias galegas. Todo iso en paralelo da axenda comarcal que a formación nacionalista despregará nas 25 comarcas nas que distribúe o país.