Na campaña das xerais de 2008 Feijóo debateu con Touriño e Quintana malia formular múltiples obxeccións, dende o decorado ata o moderador, xa que o PP descualificaba a TVG como "brazo mediático" do Goberno de PSdeG e BNG
É un lugar común das campañas electorais que os partidos e cabezas de cartel reclaman unha maior cantidade de debates nos medios de comunicación cando prevén ter máis que gañar neses encontros que os seus rivais, mentres que optan por posicións máis conservadoras cando a exposición ao tirapuxa dialéctico lles implica máis riscos ou, cando menos, escasas ganancias potenciais. Con este pano de fondo xurdía o pasado luns a proposta de Pedro Sánchez para manter ata seis cara a cara con Alberto Núñez Feijóo, iniciativa do PSOE na que se cumpriu o guión e foi desbotada polo PP escasos minutos despois, pero que introduciu a cuestión dos debates na carreira cara ao 23X.
O ex-presidente galego e actual líder do PP desbota esa media ducia de debates e bosquexaba este martes en Onda Cero que o seu plan é acceder a un único debate cara a cara con Sánchez. Sexa como for, cando ese debate -e os que, previsiblemente, se celebrarán coa participación de máis forzas políticas- se celebre, non será o primeiro por unhas eleccións xerais no que participe Feijóo.
Xa o fixo en 2008 na Televisión de Galicia, cando debateu antes das xerais daquel ano como presidente do PPdeG fronte a Emilio Pérez Touriño (PSdeG) e Anxo Quintana (BNG), na altura presidente e vicepresidente da Xunta e líderes de cadansúas formacións, que tampouco concorrían persoalmente a aqueles comicios. Apenas un ano despois, negouse a reeditar debate cos mesmos contendentes e na mesma canle cando as eleccións en xogo eran as galegas.
Nas eleccións galegas de 2009 Feijóo negouse a debater cos líderes de PSdeG e BNG e esixiu tres 'cara a cara' por separado que se acabarían celebrando en 2012, nos primeiros comicios nos que aspirou á reelección
Feijóo e o PP accederon a aquel debate a tres do 27 de febreiro de 2008, preparado pola CRTVG como un gran acontecemento -emitiuse dende o claustro compostelán Hotel Monumento San Francisco cunha ampla asignación de medios por parte dos medios públicos-, pero non sen antes expresar múltiples obxeccións. Entre outras, os populares censuraran as cores do decorado, o reparto dos asentos, o xornalista que o moderou -Alfonso Hermida- ou que as quendas de apertura e peche se decidisen por sorte. Feijóo argumentara que o peche debería ser asignado a el mesmo por ser o representante da forza máis votada nas eleccións galegas de 2005. Finalmente, acaboulle tocando esa quenda por sorteo.
Naquelas eleccións xerais o PP de Mariano Rajoy non conseguira o Goberno de España e o escano que o sistema electoral restou a Galicia pola diminución poboacional perdeuno o PP, que quedou con 11 fronte a 10 do PSdeG e 2 do BNG. Neste contexto, nos meses seguintes os populares reiteraron as súas críticas ao debate da Televisión de Galicia a través de quen daquela era o seu voceiro na comisión de control da CRTVG, Diego Calvo, actual vicepresidente segundo da Xunta e líder do PP na Coruña. Seguno Calvo, a canle pública actuara como "brazo mediático de Touriño" con "cada día máis manipulación e censura", ao tempo que censuraba como "desbalde" o custo de todo o dispositivo para o debate (uns 180.000 euros).
Boa parte deses argumentos recicláranos os populares pouco despois para, en vésperas da campaña das eleccións galegas do 1 de marzo de 2009, negarse a que Feijóo participase nun novo debate con Touriño e Quintana nos medios públicos, proposto formalmente pola CRTVG e que acabara suspendéndose pola incomparecencia do líder conservador, que o descualificara como un "teatrillo amañado". Quen acabaría saíndo desas eleccións como presidente da Xunta reclamaba unha serie de debates a dous na que el tivese senllos encontros cos líderes de PSdeG e BNG e que implicase, tamén, que Touriño e Quintana debatesen entre si con el ausente.
En 2016 e 2020 Feijóo acudiu aos debates organizados pola CRTVG con cinco e sete participantes, respectivamente, nos que se presentou como garantía de estabilidade fronte a eventuais coalicións da esquerda
Este foi o modelo que, na liña do preferido polo PP, puxo sobre a mesa a CRTVG catro anos despois, na primeira campaña na que Feijóo aspiraba á reelección como presidente da Xunta. Así, Feijóo debateu naquel 2012 con Pachi Vázquez (PSdeG), por unha banda e con Francisco Jorquera (BNG), pola outra. Polo medio, os cabezas de cartel socialista e nacionalista protagonizaran un debate coa inédita ausencia do líder do PP.
As esixencias populares e a proposta da CRTVG mudou nas seguintes eleccións, as de 2016, cando o mapa político tamén variara e Feijóo si observaba unha vantaxe en presentarse como candidato sinónimo de estabilidade fronte a un eventual goberno da esquerda que pasaría por un acordo a tres entre En Marea, na que debutaba Luís Villares, un PSdeG que tivera que prescindir de José Ramón Gómez Besteiro e elixira ás présas a Xoaquín Fernández Leiceaga como candidato e un BNG que tamén estreaba candidatura, a de Ana Pontón, que daquela partía coa principal aspiración manter o Bloque dentro do Parlamento.
Nese contexto foi no que se celebrou na CRTVG o 13 de setembro de 2016 un debate que non foi a tres nin a catro, senón a cinco, xa que tamén fora inserido nel a candidata de Ciudadanos, Cristina Losada. O encontro televisivo acabara sendo proveitoso para Feijóo pero non só, xa que múltiples análises coincidiran en que fora clave para que o Bloque superase as súas propias expectativas e, malia á irrupción de En Marea, acabase resistindo con sesi escanos.
Catro anos despois, en 2020, a CRTVG volveu programar un debate con aínda máis participantes, ata sete. Feijóo volveu xogar a baza dos potenciais riscos dun goberno de esquerda fronte a Gonzalo Caballero (PSdeG), Ana Pontón (BNG), Antón Gómez-Reino (Galicia en Común), Pancho Casal (Marea Galeguista), Beatriz Pino (Ciudadanos) e Ricardo Morado (Vox).
"Todos vostedes me coñecen moito mellor do que poida explicar", argumentara Feijóo naquel encontro a respecto da longa traxectoria que xa acumulaba nunha presidencia que revalidou neses comicios e da que dimitiu apenas un ano despois para marchar dirixir o PP estatal en substitución de Pablo Casado.