A primeira nova xa se producira antes de que Alberto Núñez Feijóo e Pachi Vázquez sentaran ante as cámaras da Televisión de Galicia. Case vinte anos despois unhas eleccións galegas volveron vivir un debate televisivo, neste caso o primeiro dunha serie de tres, e fixérono cun encorsetado formato que, así e todo, presentou fendas ao longo dos 70 minutos polas que lles permitiron aos candidatos, especialmente ao socialista, entrar no corpo a corpo dialéctico. Vázquez partía con varias desvantaxes; a das enquisas, a de quen non goberna e a de quen, a priori, chegaba aos estudios da TVG con menos posibilidades de vitoria. E saíu con xesto satisfeito; o de quen, atendendo ao visto, aproveitou máis que o seu rival o atril privilexiado dende o que dirixirse á cidadanía do país, a televisión pública.
En virtude das normas pactadas por populares, socialistas e nacionalistas -o candidato do BNG, Francisco Jorquera, estréase nos debates este martes- correspondeulle a Feijóo abrir a contenda. Fíxoo cun "boas noites, buenas noches" ao que seguíu unha descrición do panorama xeral, baseado nunha "crise" ante a que, asegura, dixo "a verdade" e ademais "recuperou o tempo perdido e o diñeiro perdido". A "solvencia" e o control do déficit cos que, como era de prever, Feijóo abriu fogo servíronlle ao socialista para lanzar a primeira sentenza: "vimos falar de cousas distintas". En nome do PSdeG "quero falar da xente que o está pasando mal, que ten dificultades para chegar a fin de mes", retrucou, abrindo así unha argumentación inzada de mencións a problemáticas sociais ou a medidas concretas como a supresión da gratuidade dos libros de texto.
Feijóo asegura que se os contratos de Pemex ven a luz, ficarían anulados
"Estamos tentando que isto non sexa nin Grecia nin Portugal", respostou Feijóo, no que era o inicio do intercambio de datos do número de parados. "Estamos mellor ou estamos peor?", preguntaba Vázquez, que aseguraba estar a discutir co "presidente do paro", porque "medrou en toda España un 40% e en Galicia, un 70%" dende 2009. Mentres, Feijóo tentaba infrutuosamente levar ao socialista ao seu rego, instándoo a aclarar se coñecía os "acordos da Conferencia de Presidentes" ligados ao control do déficit, tamén asinados por autonomías con goberno do PSOE.
O debate transitaba polos vieiros do desemprego ata que chegou Pemex. A petroleira mexicana, convidada habitual da política galega dende hai meses, saíu a colación cando Pachi Vázquez acusou a Feijóo de "contarlle mentiras ao naval". E o candidato á reelección botou man dunha carta "do conselleiro delegado de Pemex Internacional" na que, asegura, fica claro que "todo se está desenvolvendo segundo o estipulado" e "está previsto que antes de final de ano se inicien os barcos". "Vostede sabe perfectamente que non hai contratos, sábeo toda Galicia e quere seguir escapando", reprochoulle o socialista. Feijóo contratacou continuando coa lectura da carta asegurando que, de facerse públicos, a empresa mexicana anularía os contratos. "Non me sorprende que diga que non hai contratos, alá vostede", proclamou, mentres Vázquez emitía sonoras mostras de incredulidade.
Política social e autogoberno
Unha vez pasado o que semellou ser deseñado como golpe de efecto por parte dos estrategas populares foi a quenda para a política social. "Nin sanidade nin educación son as responsables da crise", iniciou Vázquez, para quen os "dramas" de moitas familias galegas non se arranxan con que Feijóo diga: "tranquilos, que eu o déficit téñoo niquelado; cre que a esa xente lle preocupa o que lles está dicindo?". Grazas a telo "niquelado", di Feijóo, "puidemos facer moitos menos axustes que as comunidades socialistas" como Andalucía, as grandes convidadas ao debate televisivo como antes xa o estiveran a moitos debates parlamentarios ao longo da lexislatura.
"Está preocupado por unha futura coalición e non é quen de explicar por que incumpriu o seu programa", reprochou o líder socialista
Co debate xa caldeado ambos candidatos chegaron ao punto final, o titulado xenericamente como "autonomía" e que ambos empregaron a xeito de caixón de xastre. Así, por exemplo, Pachi Vázquez amosou a imaxe do Contrato con Galicia asinado por Feijóo en 2009 para asegurar que "incumpriu os catorce puntos", entre eles, o dedicado á reforma do Estatuto. Mentres, Feijóo presentou a "austeridade" como unha das mellores garantías para o autogoberno e deixou caer as dúbidas sobre que parte do seu programa podería cumprir Vázquez se gobernase en coalición "co Bloque Nacionalista da UPG, co Bloque Nacionalista de Beiras e de Compromiso". "É curioso, está vostede preocupado por unha futura coalición e aínda non é quen de explicarme porque incumpriu o seu programa con maioría absoluta", ironizou Pachi Vázquez, no mesmo bloque no que tamén botou man dun dos asuntos que máis sonoramente lle están a ser lembrados ao PP nesta campaña: as participacións preferentes das antigas caixas, algo que, di o socialista, cómpre "solucionar, si ou si".
Feijóo comprométese a manter "unha Galicia libre e bilingüe"
A Vázquez aínda lle quedaba unha derradeira bala dialéctica na recámara: o galego. Unha "lingua que nunca foi un problema ata que chegou vostede -reprochou-, incluso co presidente Fraga vivimos en harmonía". Por iso, promete, "derrogará" o denominado decreto do plurilingüismo "nos primeiros 100 días" se chega á Xunta. Mentres, Feijóo comprométese a seguir garantindo unha "Galicia libre e bilingüe". "Que cada un fale galego e castelán como lle pete", pero cómpre potenciar "o inglés", di o líder conservador.
Con estes argumentos Vázquez e Feijóo chegaban a cadanseu minuto de peche. "É o momento para aqueles que cremos que en vez de rescatar os bancos hai que rescatar ás familias", "creo nesa Galicia mellor pero para facelo necesito o seu voto", interpelou o candidato do PSdeG. Pola súa banda, Feijóo, "como dicía Adolfo Suárez", asegurou que a súa intención é "elevar á categoría de normal o que acontece na rúa" e iso é "estabilidade, unidade" e "non presentarse en contra de ninguén, senón contra a crise". "Moitas grazas, muchas gracias", concluíu.