"Este debate é tanto ou máis importante que o de onte". Esta reflexión, xurdida este martes no entorno do candidato do PSdeG á Xunta, pode ser un bo resumo de parte do visto e escoitado no debate que compartiu na TVG co cabeza de cartel do BNG, Francisco Jorquera. Propoñer sen agredir foi a máxima imperante nun cara a cara no que socialista e nacionalista confluíron na necesidade de frear os recortes impulsados dende os gobernos galego e central e diverxeron na marxe que debería ter unha ampliación do autogoberno galego.
A vontade de amosarlle puntos de encontro á cidadanía foi evidente pola banda socialista dende o inicio do encontro, no que Vázquez apostou por poñer sobre a mesa a súa "preocupación" polo "informe que contradí todo o que dixo o señor Feijóo neste plató" a respecto do déficit público, isto é, o suposto traslado de 400 millóns de euros de facturas de 2010 ao exercicio de 2011. Jorquera empregou esa quenda de inicio para saudar a celebración de debates, por seren "bos para a calidade democrática" e por iso, subliña, o BNG aposta por "que sexan obrigatorios" en cada convocatoria electoral.
Ambos candidatos coinciden nunha reforma fiscal para que "pague máis quen máis ten"
Se cadra, unha regulamentación legal dos debates evitaría que, como acontecera no intercambio de ideas entre Vázquez e Feijóo, a primeira nova da noite fose o feito de que o propio debate se estaba á celebrar. Á marxe disto, o consenso mandou sobre a diverxencia no que atinxe ao diagnóstico: cómpre "reactivar a economía e xerar emprego", explica Jorquera, cunha "reforma fiscal para que pague máis quen máis ten". "Coincido plenamente", agregou Vázquez, para quen achegar "financiamento" a familias e empresas é clave para xerar emprego, "o problema do 83% dos galegos e galegas".
Como afondar no autogoberno?
Coincidindo no que, a clave semella estar no como. Pola banda nacionalista unha maior inxección de recursos para as arcas autonómicas chegará pola vía do concerto económico, "inverter o modelo" de financiamento para ter plena autonomía fiscal". "Non abonda con melloras" no actual modelo, explica. Sen aceptar o esquema de concerto, Vázquez asegura que o BNG "vai ter un aliado no socialismo galego para acadar o mellor financiamento, non dubide de que imos estar de acordo e imos formular unha liña de traballo conxunta". O límite? A Constitución, explica, que en todo caso podería ser reformada, como suxire Jorquera, sempre e cando se produza "un consenso de todas forzas políticas".
Jorquera subliña a necesidade dun concerto económico, Vázquez asegura que o PSdeG será un "aliado" para "acadar o mellor financiamento"
Nesta liña chegou o bloque dedicado propiamente ao autogoberno, unha materia na que, para Jorquera, "o problema" é que o actual sistema "está convertido en papel mollado pola ofensiva centralista" na que se atopa inmerso o Estado. "En autogoberno nin un paso atrás", garante Vázquez, porque é "bo para Galicia". "Quen está socavando as autonomías é o PP" pero "se son presidente nunca deixarei de defender o meu país", di. "Se o BNG goberna este país o noso compromiso non é só nin dar un paso atrás, é dar claros pasos adiante", acrecenta o nacionalista. Coa diverxencia esencial na gradación das reformas para lograr máis recursos e poder político chegou unha nova confluencia, a xurdida en torno á lingua galega. Ambos candidatos asumen o compromiso de derrogar o denominado decreto do plurilingüismo e reverter a política lingüística de Feijóo.
"O 21 de outubro exercendo o dereito ao voto temos unha dobre oportunidade: poñerlle fin ao peor goberno que tivo Galiza" e non "darlle un cheque en branco a Rajoy", subliñou Jorquera na quenda final, que concluíu cun "boas noites e moita sorte". "O voto é seu, vostede é poderoso", interpelou Vázquez á audiencia, á que lle pediu voto para encabezar un "goberno de progreso". O mércores finaliza a xeira de debates co cara a cara entre Feijóo e Jorquera. O líder nacionalista anticipa que lle "cantará as verdades" ao aspirante á reelección.