Seis debates electorais, É a proposta que lanzou José Ramón Gómez Besteiro, candidato do PSdeG á presidencia da Xunta, a Alfonso Rueda. Seis debates ata a celebración das eleccións nos que se falen dos asuntos “100% galegos” e para "deixar a política de moqueta", en referencia ao Parlamento galego.
O candidato socialista propón a realización destes seis debates no marco da campaña, sendo dous deles de política xeral galega e os catro restantes con asuntos territorializados por provincias cos que busca para “baixar a política dos próximos anos en Galicia tamén aos territorios”.
Besteiro propón seis debates,dous de política xeral galega e un máis por cada provincia, para tratar "asuntos 100% galegos" e "deixar a política de moqueta"
Besteiro, que confirmou que se presentará pola provincia de Lugo e que deixará a acta no Congreso para ser deputado no Hórreo, insistiu na necesidade de achegar a política á xente para que esta "se enriqueza e se meta de cheo na campaña". Tamén, advertiu, que os debates deben valer para que a cidadanía "sabia claramente" o que ofrecen "uns e outros".
Así, Besteiro sinalou que fronte a un PP que convocou unha campaña coincidindo coas festas do Nadal e o Entroido para “evitar que a cidadanía se implique” no proceso, os socialistas están decididos a “loitar contra iso” xa que son os que "defenden as propostas, os acordos, as discusións, os debates políticos”, asegurou. “Sen medo a debater, sen medo a discutir, porque o que nos xogamos é moito para os vindeiros anos”, dixo o aspirante socialista á Xunta sobre a campaña que afronta o seu partido de cara ao 18 de febreiro, data fixada por Rueda para os comicios autonómicos este pasado xoves.
O candidato socialista pide unha campaña "100% galega" e "non organizada desde Génova por un candidato perdedor"
Ademais, Besteiro argumentou que os galegos e galegas merecen "unha campaña 100% galega" e non "organizada desde Génova" e por un "candidato perdedor", en referencia a Feijóo e ao seu fracaso no intento de chegar á Moncloa. "Desde Madrid convócanlle as eleccións a Rueda", insistiu.
A proposta de Besteiro chegou no transcurso dun almorzo informativo con xornalistas celebrado este venres na cidade da Coruña e no que estivo acompañado da dirección do PSdeG: o secretario xeral, Valentín Formoso, o secretario de organización, José Manuel Lage Tuñas, e a vicesecretaria xeral, Lara Méndez.
Segundo Besteiro, os socialistas galegos afrontan “este inicio de campaña coa previsión de que o PSdeG vai achegar ao futuro de Galicia un impulso necesario". "Galicia está crecendo moito menos que España, está perdendo oportunidades e é froito dun goberno galego que en vez de aproveitar as oportunidades, pon paus nas rodas e fai perder ese impulso da cogobernanza, que é o momento que España está vivindo en Europa”, asegurou o candidato do PSdeG.