O presidente e candidato do PP tenta reducir a relevancia da convocatoria asegurando que "a Xunta non vai deixar de funcionar nin un só día" para que Galicia siga sendo unha "illa de estabilidade"
O principal motivo esgrimido polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, para adiantar as eleccións galegas medio ano e fixalas o 18 de febreiro é o de que este martes quedaron aprobados os Orzamentos da Xunta para 2024. Con esa folla de ruta económica trazada quere que a cidadanía se pronuncie xa sobre o grao de estabilidade política que debe ter Galicia fronte á inestabilidade que el e o seu partido atribúen á política estatal tras as eleccións xerais do pasado xullo. Porén, por tras desa data, e tras varios meses de intensa precampaña electoral desde a Xunta, pairan diversas implicacións.
Este xoves Rueda tentou argumentar que a data decidida por el para as eleccións non supón un adianto, ou que este non é tan relevante. Porén, os novos comicios podían non celebrarse ata o mes de agosto, medio ano máis tarde, un prazo superior aos cinco meses do adianto decidido por Feijóo en 2012, os catro meses do adianto de Fraga en 2005 ou os algo menos de catro meses de Touriño en 2009.
Pero Rueda, para xustificar a súa postura e a suposta "normalidade" da data elixida lembra que as anteriores eleccións ían celebrarse en abril de 2020 e foron adiadas a xullo daquel ano pola pandemia da COVID-19. Así que segundo a súa argumentación pasar de abril a febreiro é unha mudanza mínima, aínda que a lei no que se fixa é na data de constitución do Parlamento saído de cada convocatoria electoral. E esa data o que di é que o lexislativo que agora quedará disolto só traballou tres anos e medio en lugar dos catro previstos.
As novas eleccións terán a última semana da campaña electoral en pleno Entroido, como as do 1 de marzo de 2009, primeiras que gañou Feijóo e cuxo 15 aniversario está na mente dos populares
A data elixida suporá por outra banda que a campaña electoral desenvolverase en pleno Entroido. O mércores de cinza será só catro días antes da xornada de votación, e nalgúns lugares ese mesmo día segue habendo actividades relacionadas con esas datas festivas. O efecto que poida ter ese período de irreverencia sobre as mensaxes e actos políticos dos candidatos está por ver e ten como principal precedente as eleccións do 1 de marzo de 2009 nas que o Entroido coincidiu igualmente na última semana da campaña electoral. Esas eleccións de 2009 foron as primeiras gañadas por Feijóo e aquela data do 1 de marzo estivo tamén na mente do equipo de Rueda á hora de presentar os novos comicios como unha homenaxe a aqueles xusto 15 anos máis tarde.
Rueda admitiu que este mesmo xoves falou con Feijóo -tamén o fixo co lehendakari Urkullu, pendente aínda de fixar os seus propios comicios- para comunicarlle a data das eleccións, pero asegurou que a súa decisión fora persoal e desvinculouna de ningún tipo de consulta co líder estatal do seu partido. Porén, as eleccións galegas, admiten no PP, terán importantes repercusións no partido a nivel estatal. Serás as primeiras despois de que Feijóo non lograse a presidencia do Goberno de España malia gañar as eleccións xerais do pasado xullo. A súa incapacidade de lograr os apoios parlamentarios establecidos pola Constitución abocaron a Feijóo á oposición entre críticas internas de diversas faccións do seu partido.
Se o 18F o PP non logra reter o Goberno de Galicia, un dos seus principais bastións históricos e sustento territorial principal de Feijóo, a súa posición debilitaríase aínda máis no partido
Se o 18F o PP non logra reter o goberno de Galicia, un dos seus principais bastións históricos e sustento territorial principal de Feijóo, a súa posición debilitaríase aínda máis no partido. De aí que no PPdeG se admita que ao PP estatal lle interesaba unha convocatoria electoral en Galicia canto antes para aproveitar o descontento coa investidura de Pedro Sánchez, manter os seus ataques en clave electoral e que unha vitoria popular afiance a figura de Feijóo. Por suposto, o contrario é no que xa traballa o PSOE estatal, en tentar arrebatar Galicia ao PP para así provocar unha nova crise nesa formación.
Nese contexto Rueda e o PPdeG tentarán moverse no eido dos cartos, presentando Galicia como unha vítima de novas supostas aldraxes económicas por parte do Goberno de España.
Todas estas e outras consideracións levan semanas enriba da mesa do equipo de Rueda, que agora vén de decidir unha data que suporá unha campaña especialmente acelerada pero que ao tempo tardará en arrancar no que respecta á presenza mediática dos seus principais protagonistas. Ao anuncio da data deste xoves seguirá este venres 22 de decembro o sorteo da Lotería de Nadal que habitualmente copa os principais medios de comunicación. E xa despois a fin de semana co Nadal, no que a actualidade informativa baixa de intensidade e algúns medios nin se editan. O mesmo que pasará unha semana despois en Fin de Ano, coa vantaxe para Rueda de que nesa data el si ten garantida certa presenza mediática grazas ao tradicional discurso televisado do presidente da Xunta.
Mentres, á espera de que pasen os próximos días festivos, Rueda e o seu Goberno seguirán tentando transmitir a imaxe de que as eleccións son un trámite xa que, como dixo este xoves, "a Xunta non vai deixar de funcionar nin un só día" para que Galicia sexa "a illa de estabilidade que me comprometo a seguir mantendo".