Aos poucos minutos de que Alfonso Rueda anunciase a convocatoria das eleccións para o 18 de febreiro, as redes sociais do BNG lanzaban o seu primeiro vídeo da precampaña: "Preparadas para gañar, preparadas para gobernar. O #CambioGalego comeza hoxe", rezaba a mensaxe que precedía a unha peza duns 20 segundo que remata coa silueta de Ana Pontón baixo a palabra "presidenta".
"Estou máis preparada que nunca", dixo a portavoz nacional do Bloque e aspirante á Xunta, nunha comparecencia ante os medios convocada de urxencia logo de saberse a data dos comicios. "O 18F saímos a gañar", advertiu.
Pontón di estar "máis preparada que nunca" e preséntase como "a candidata de todos aqueles que queren cambio"
Pontón presentouse como a "candidata" non só do nacionalismo ou do Bloque, senón a "de todos aqueles que queren cambio, votasen o que votasen noutras eleccións", insistindo en fomentar a idea de presidenciable, de líder da alternativa, que xa empregou na súa presentación oficial como candidata hai unhas semanas.
“Estamos nun momento no que hai unha nova maioría que quere cambio” e que ese cambio “é posible”. “Hai que facelo o 18 de febreiro participando nas urnas”, indicou Pontón. “Estamos preparadas, estamos convencidas de que este é o momento do cambio, de que este é o momento de facer historia para que este País teña por primeira vez a unha presidenta coas mans libres” para defender os intereses dos galegos e as galegas”, insistiu.
Para a portavoz nacional do BNG, é "unha gran noticia" coñecer xa a data das eleccións galegas, máis aló de valorar que coincidan co Entroido ou que o anuncio chegase ás portas do Nadal, circunstancias que non quixo valorar.
A líder nacionalista centrouse na posibilidade de "facer historia" ese 18 de febreiro e expresou o seu "compromiso claro" coa cidadanía galega, á que dixo que non vai prometer "o que non poida cumprir", nin "imposibles". De feito, advertiu que se centrará en presentar iniciativas para "mellorar a vida das persoas".
Neste sentido, Pontón explicou que os galegos es galegas van ter que escoller o 18 de febreiro entre dúas alternativas: ou seguir cun goberno do PP “que nos está deixando unha Galiza peor da que encontrou” ou apostar “pola esperanza e a ilusión cun goberno liderado polo BNG, que está preparado para darlle a este País un presente e un futuro mellor”.
A líder do Bloque avanzou que de aquí á cita coas urnas, traballará para “conseguir a confianza de todos os galegos e galegas que non se conforman co malo coñecido, que queren o mellor”, porque, segundo recalcou, “no BNG temos un proxecto de País para conseguilo”. Nesta liña, avanzou unha campaña “de ideas e de propostas” coa que devolverlle “a esperanza e a ilusión” aos galegos e galegas porque, segundo incidiu, “é posible un país mellor”.