Andoni Ortuzar descarta que desta volta os comicios vascos e galegos coincidan, como sucedeu nas catro ocasións anteriores, porque cre que agora Rueda quere secundar a Feijóo contra a amnistía en Catalunya
No comezo da primavera, co prazo xusto e obrigatorio de 54 días de antelación para convocalas unha vez que os Orzamentos da Xunta para 2024 sexan aprobados o 20 de decembro ou entren en vigor o 1 de xaneiro. Isto é, eleccións a finais de febreiro ou principios de marzo.
Esa é a previsión coa que xa traballan todos os partidos, mesmo fóra de Galicia, para os próximos comicios galegos. Así o dixo este mércores o presidente do PNV, Andoni Ortuzar, quen cre que "van ir a toda pastilla" e "poden ser en febreiro", desta volta antes das eleccións vascas. Porén, a data concreta segue dependendo exclusivamente da decisión persoal do presidente da Xunta, Alfonso Rueda.
En 2009 foi o daquela presidente da Xunta Emilio Pérez Touriño quen fixou as eleccións galegas para o 1 de marzo daquel ano, data na que despois coincidiu o lehendakari vasco. En 2012, 2016 e 2020 -esa vez por dúas ocasións, ao adiarse as eleccións pola COVID-19- foi ao revés, optando Feijóo por sumarse ás datas xa fixadas en Euskadi. Pero desta volta o PNV xa non cre que vaia suceder o mesmo.
Nunha entrevista en Radio Euskadi o presidente da executiva do PNV, Andoni Ortuzar, amosou o seu convencemento de que Rueda vai convocar as eleccións galegas o antes posible para secundar a Feijóo nas protestas contra a amnistía en Catalunya e contra o Goberno de Pedro Sánchez. Un intento de "galeguizar as eleccións", dixo Ortuzar, en contraposición cun debate político máis centrado en Euskadi no soberanismo.
A aprobación ou entrada en vigor dos Orzamentos para 2024, a finais de ano, sería o fito relevante para convocar os comicios con 54 días de antelación
Preguntado polos próximos comicios vascos, Ortuzar dixo na entrevista en Radio Euskadi que "hai unhas galegas por aí que parece que esas si van ir a toda pastilla". Nese punto o entrevistador fíxolle ver que nas últimas ocasións adoitaron coincidir os comicios vascos e galegos, pero a resposta do líder do PNV foi desta vez distanciarse: "Máis por interese galego que noso, foron eles sempre os que chamaron ao lehendakari para ver se podían coordinar as datas, agora parece que é ao contrario, que non queren, porque queren galeguizar as eleccións, singularizarse moito e que a campaña sexa moi galega e que estea moi preto porque cree que ante a sociedade galega pode pasar factura o tema da amnistía", dixo. "Parece que poden ser en febreiro", remachou Ortuzar.
Con esas previsións traballan tamén hai tempo os principais partidos en Galicia e mesmo no equipo que rodea a Rueda, aínda que a súa última palabra aínda non está pronunciada. Nesa planificación o fito relevante sería a aprobación dos Orzamentos da Xunta para 2024, cuxa votación final está prevista para o 20 de decembro. E entrarán en vigor o 1 de xaneiro. Así que arredor desas datas, cos condicionantes de axenda que poidan implicar as celebracións do Nadal -o 31 é o tradicional discurso televisado de fin de ano- sería cando o presidente realizaría o seu anuncio.
Como teñen que pasar 54 días entre a convocatoria oficial e a celebración dos comicios, estes chegarían a finais de febreiro -o que implicaría que a campaña coincida parcialmente co Entroido- ou comezos de marzo -cando o PP podería apelar ao simbolismo das primeiras eleccións gañadas por Feijóo o 1 de marzo de 2009-. As galegas, en todo caso, non chegarían ao 9 de xuño, data xa fixada para as eleccións europeas.