"E no outono, outras". Nos primeiros días da campaña electoral das recentes eleccións xerais do 23 de xullo, un cargo local do PP galego lanza inocentemente o comentario durante un reparto de propaganda nunha vila. Outro membro da comitiva diríxelle unha ollada de desaprobación: unha cousa é que o deamos por feito e outra, contalo, viña advertir.
En diversos círculos políticos e no propio PP estendérase a práctica certeza de que un triunfo incontestable de Feijóo o 23X equivalería a un anticipo das eleccións galegas ao vindeiro outono
Nos círculos políticos galegos, pero tamén no seo do propio PP, estendérase nos últimos meses a práctica certeza de que un triunfo incontestable de Alberto Núñez Feijóo no seu primeiro intento por acadar a presidencia do Goberno de España equivalería a un adianto electoral en Galicia. Un Feijóo triunfante e outra volta presidencial empurraría inevitablemente a Alfonso Rueda cara á súa primeira maioría absoluta como cabeza de cartel, a quinta consecutiva dos populares nunhas eleccións na contorna da fin de outubro, como lle gustaba a Manuel Fraga.
Pero a realidade do 23X foi outra. No conxunto do Estado, o PP cabalgou sobre a mobilización da dereita e a desaparición de Ciudadanos para lograr ser primeira forza política tras medrar algo máis de 12 puntos (ata o 33%) e 48 escanos (ata os 137, unha vez recobrando o voto exterior), pero sen marxe para compoñer unha maioría que invista a Feijóo. O PSOE, pola súa banda, quedou apenas punto e medio por tras dos populares -medrou case catro- e sumou na noite electoral dous escanos aos que tiña, 122 -121 tras o CERA- nun contexto no que, malia á súa complexidade, permite a Pedro Sánchez aspirar a recuncar no Goberno de España.
Tras cualificar de "triunfo abrumador" o resultado do PP en Galicia nas xerais, Rueda esforzouse por retirar da mesa a carta do adianto: é o momento da "serenidade", da "estabilidade", de "seguir gobernando"
En Galicia o crecemento dos populares foi un chisco inferior á media estatal (11,6 puntos). Dabondo para arrebatarlle ata 3 escanos ao PSdeG e chegar ata 13 dos 23 que suman as catro circunscricións galegas, o seu mellor resultado dende as xerais de 2011 -cando lograran 15-, pero insuficiente para impedir que as formacións da esquerda sumasen máis da metade dos votos.
Na súa primeira análise pública dos resultados despois da noite electoral, Rueda falou en termos de triunfo "abrumador" do PP galego e de enorme apoio do electorado de Galicia a Feijóo. Foi nunha reunión da cúpula conservadora na que, non obstante, Rueda se esforzou en deixar claro que a carta do adianto electoral xa non está na mesa. É o momento da "serenidade", da "estabilidade", de "seguir gobernando", de "seguir traballando". E "toca un pouco de descanso no que se refire a campañas electorais", dixo tras dar por "acabado" un "ciclo electoral moi esixente".
Cara á primavera, con ou sen europeas
Tendo en conta as palabras de Rueda e os ritmos do inicio da lexislatura estatal -o Congreso constitúese o 17 de agosto e o proceso de investidura pódese internar no outono-, todo apunta a que os comicios galegos tenden cara á primavera do vindeiro 2024. Máis aínda atendendo á advertencia do lehendakari Urkullu sobre a a súa intención de "culminar o mandato" en Euskadi
O novo panorama para o PP no estado e o lehendakari a advertir que quere "culminar o mandato" contribúen a levar os comicios ao ano que 'tocan', coa coincidencia coas europeas do 9 de xuño como unha das posibilidades
Nese punto, a decisión do actual presidente da Xunta e tamén do líder vasco -Galicia e Euskadi levan catro eleccións votando xuntas, as tres últimas co Goberno galego secundando a data do lehendakari- pasa, en primeiro lugar, por determinar se chaman ás urnas cadrando ou non cunha cita que xa está fixada: as eleccións europeas do 9 de xuño de 2024. Para facelo, a convocatoria tería que ser asinada a mediados de abril.
Pero esa non sería a única posibilidade. Caso de desexaren PP e PNV -ou unha de ambas forzas- separar os comicios galegos e vascos dunha cita electoral de ámbito estatal que chegaría despois dunha nova investidura de Pedro Sánchez -sempre e cando no se produza unha repetición das xerais-, tamén existiría a opción de disolver os parlamentos en xaneiro ou febreiro para celebrar eleccións en marzo ou abril. O 1 de marzo, precisamente, faranse 15 anos das eleccións galegas nas que os populares volveron á Xunta con Feijóo estreándose como candidato.
Aínda existiría, atendendo aos prazos legais, unha opción final. A de apurar ao máximo a lexislatura galega, que remata o día 7 de agosto de 2024, xusto cando se fan catro anos da constitución do Parlamento saído dos comicios de xullo de 2012. Nese caso, o derradeiro domingo no que poderían celebrarse sería o 1 de setembro, o cal implicaría unha improbable campaña electoral que principiaría en plena ponte do 15 de agosto.
Rueda, Pontón, Besteiro... E Sumar?
Pontón reitera a súa intención de "dar o mellor" para tentar ser a primeira presidenta e o PSdeG diríxese a unhas primarias nas que todo apunta cara a Besteiro, que conta co apoio de Formoso e tamén de Pedro Sánchez
O principio ou a fin da primavera semellan, daquela, as contornas temporais nas que se dirimirán unhas eleccións nas que só unha forza política repetirá cabeza de cartel e potencial candidatura á Xunta, o BNG, cunha Ana Pontón á fronte que, aproveitando os actos da formación polo Día da Patria, reiterou a súa intención de "dar o mellor" para lograr ser a primeira presidenta da historia do Goberno galego tras a lexislatura coa maior representación parlamentaria da súa historia. O PP tamén muda de cabeza visible ao concorrer por primeira vez tendo á fronte a un Rueda que ten ante si de levar o partido a superar o récord de absolutas consecutivas conseguido con Fraga e Feijóo.
No resto da esquerda, as posibles candidaturas á Xunta son aínda unha incógnita, aínda que unha menos ca outra. O PSdeG ten fixada para o 17 de setembro a celebración dunhas primarias das que todo apunta a que sairá elixido como candidato José Ramón Gómez Besteiro, culminando así o seu regreso á primeira liña política tras unhas xerais nas que foi cabeza de cartel por Lugo e nas que, malia á intensidade da súa campaña, o partido non deu retido o segundo escano por esa circunscrición. Besteiro contará co aval do secretario xeral, Valentín González Formoso, e previsiblemente tamén co aberto apoio de Pedro Sánchez e da dirección federal do partido.
Máis incógnitas existen en torno ao espazo político agora representado por Sumar, que en 2020 concorreu ás galegas baixo a fórmula Galicia en Común e quedou sen representación. Xa durante a campaña das xerais, a formación que encabeza no Estado Yolanda Díaz e que en Galicia vén tendo á agora deputada electa Marta Lois como principal referente subliñou que a súa intención é "vir para quedar" e participar nas galegas. Esta mesma semana ratificou a súa intención de concorrer coa ansia de seren clave para lograr un goberno da esquerda, se ben a concreción desa participación en canto a formas e candidaturas está aínda por definir.