O 23X en Galicia: entre o triunfo do PP e o fracaso de Feijóo coas eleccións galegas no horizonte

Unha urna de votación cos catro mapas que refliten os resultados de PP, PSdeG, Sumar e BNG en Galicia © Imaxe: @ernesturtasun | Montaxe: Praza.gal

A festa de celebración dos resultados do 23X na rúa Génova de Madrid, sede do PP, foi un bo indicador dos ánimos predominantes na noite electoral. O Partido Popular foi o gañador das eleccións, a formación máis votada e con máis escanos, cun ascenso moi importante en relación ao 2019. Porén, as caras de decepción nos dirixentes conservadores eran evidentes e elocuentes: Alberto Núñez Feijóo ten case imposible converterse en presidente do Goberno e a maioría absoluta prevista por PP e VOX converteuse nun fracaso da dereita.

O Partido Popular foi o gañador das eleccións, pero Núñez Feijóo ten case imposible converterse en presidente do Goberno e a maioría absoluta prevista por PP e VOX converteuse nun fracaso da dereita

O PP gañou as eleccións xerais en Galicia con claridade e aumentou a súa porcentaxe de voto en 11,65 puntos, 125 mil votos máis, á espera de sumar aínda o voto do censo CERA. Este incremento debeuse non só á absorción dos votos de Ciudadanos (64.661 votos en 2019) e ao descenso de VOX (a formación de ultradereita perdeu 40 mil votos), senón á mobilización de novos sufraxios nuns comicios nos que a participación aumentou en Galicia dende o 66,6% do 2019 ata o 73,14%, á espera de contabilizar os votos do exterior.

Houbo en Galicia un efecto Feijóo de arrastre de voto por presentar o PP como candidato o ex-presidente da Xunta? É difícil aseguralo, pois o aumento do voto popular en Galicia (+11,65 puntos) foi moi semellante e mesmo inferior ao rexistrado no conxunto do Estado (+12,25), debido probablemente a que en Galicia o PP tiña un menor caladoiro de votos de Ciudadanos e VOX a partir do cal medrar.

Houbo en Galicia un efecto Feijóo de arrastre de voto por presentar o PP como candidato o ex-presidente da Xunta? É difícil aseguralo, pois o aumento do voto popular en Galicia (+11,65 puntos) foi moi semellante e mesmo inferior ao rexistrado no conxunto do Estado (+12,25)

En Galicia, a diferencia do sucedido no conxunto do Estado, onde Pedro Sánchez mellorou o seu resultado en votos (+3,71 puntos) e escanos (+2), grazas sobre todo aos datos do PSC, o PSdeG viu reducido o seu número de representantes (-3) e tamén a súa porcentaxe de voto (-1,4 puntos), aínda que aumentou en votos pola maior participación.

Sumar resistiu a concentración de votos nas dúas principais formacións políticas e mantivo os dous escanos galegos que en 2019 obtivera Unidas Podemos, aínda que baixou en porcentaxe en relación aos anteriores comicios. Iso si, o seu comportamento foi moi distinto nas provincias da Coruña e Pontevedra -onde practicamente mantivo a porcentaxe de voto de UP en 2019 e mesmo aumentou o número de sufraxios na provincia coruñesa- e Lugo e Ourense, circunscricións nas que o electorado de UP levou a un proceso de concentración de voto no PSdeG na procura do chamado voto útil.

O PSdeG perdeu 1,4 puntos e 3 escanos, Sumar resistiu a concentración de votos nas dúas principais formacións políticas e o BNG mellorou os seus datos, pero unhas expectativas excesivamente altas converteron un bo resultado nunha decepción

O BNG mellorou os seus resultados de 2019, con 32 mil votos máis (+1,39 puntos), aínda que esta mellora non lle permitiu acadar máis que o escano pola Coruña que xa obtivera hai catro anos. Semella que neste caso -ao igual que no caso do PP- unhas expectativas excesivamente altas (a súa apelación a acadar representación polas catro provincias e un "grupo galego forte") converteron un bo resultado nunha decepción.

VOX, finalmente, perdeu case 40 mil votos (-3,5 puntos) e mentres que no 2019 estivera a piques de obter representación pola provincia da Coruña, nesta ocasión ficou moi lonxe de acadar escano.

Coa vista posta xa nas eleccións ao Parlamento galego

A importancia destes comicios xerais en Galicia era dobre: non só ían decidir a cor política do Goberno central, senón que funcionan como antesala das eleccións ao Parlamento galego que deben celebrarse nalgún momento antes do verán de 2024

A importancia destes comicios xerais en Galicia era dobre: non só ían decidir a cor política do Goberno central, senón que funcionan como antesala das eleccións ao Parlamento galego que deben celebrarse nalgún momento antes do verán de 2024. Un bo resultado do PP -especialmente se lle garantía a Presidencia do Goberno- podía elevar as opcións de Alfonso Rueda de repetir a actual maioría absoluta da que goza e mesmo favorecer un adianto electoral para este outono, co obxectivo de aproveitar o impacto dun triunfo popular.

Este domingo pode ser visto como un triunfo do PP? Pois depende. O Partido Popular foi a forza máis votada no conxunto do Estado e mellorou notablemente seu resultado de hai catro anos, pero as opcións de Alberto Núñez Feijóo de ser investido Presidente do Goberno son case nulas e os seus rexistros son lidos en relación coas altas expectativas creadas durante a campaña electoral, na que se chegou a dar por segura unha maioría absoluta para PP e VOX.

A dereita fortaleceu as súas posicións en Galicia, o que en teoría coloca o PP nun lugar favorable para os comicios galegos que viviremos nuns meses. Pero o fracaso de Núñez Feijóo no seu asalto á Moncloa e a resistencia da esquerda deixan o resultado no aire

Por outra banda, a esquerda en Galicia resistiu mellor do previsto e a suma de PSdeG. Sumar e BNG superou os apoios de PP e Vox, aínda que os populares acadasen 13 dos 23 escanos en xogo. Ademais, máis da metade da poboación galega vive en concellos onde a esquerda foi máis votada que a dereita o 23X.

En calquera caso, a dereita fortaleceu as súas posicións en Galicia, o que en teoría deixa o PP nun lugar favorable para os comicios galegos que viviremos nuns meses. Iso si, o evidente fracaso de Núñez Feijóo no seu asalto á Moncloa é un lastre co que os populares deberán cargar no futuro inmediato. Por outro lado, a posibilidade dunha repetición electoral, no caso de que Junts decida votar en contra da investidura de Pedro Sánchez, inflúe de forma decisiva sobre a decisión que Alfonso Rueda deberá adoptar sobre a data de convocatoria das eleccións ao Parlamento galego.

Onde medrou o PP?

En calquera caso, a mellora dos datos do PP en Galicia foi evidente e os populares acadaron o seu mellor resultado dende o 2011

En calquera caso, a mellora dos datos do PP en Galicia foi evidente e os populares acadaron o seu mellor resultado dende o 2011. Como é habitual, o PP asentou o seu dominio nas zonas rurais e nos concellos menos poboados, roldando o 56% dos votos nas localidades de menos de 2 mil habitantes e o 53% nos que teñen entre 2 e 5 mil. Nas cidades, en cambio, a súa porcentaxe de voto situouse por debaixo do 40%.

A súa mellora foi semellante nas sete urbes (9 puntos máis) e nas localidades de menos tamaño (+8 puntos) e destacou especialmente nas grandes e pequenas vilas, cun aumento duns 12 puntos.

Mentres, o PSdeG acadou unha porcentaxe de voto moi semellante en todos os tipos de concello, entre o 30 e o 34% dos apoios, rexistrando os maiores descensos nas zonas rurais.

PSdeG e BNG acadaron unha porcentaxe de voto moi semellante en todos os tipos de concello, mentres que o voto de Sumar foi sinaladamente urbano

O voto de Sumar foi sinaladamente urbano, por riba do 13% nas cidades e grandes vilas e por debaixo do 5% nos concellos de menos de 2 mil habitantes, unha diferenza incrementada posiblemente polo descenso experimentado nas provincias de Lugo e Ourense.

En cambio, o voto do BNG foi relativamente homoxéneo en todo tipo de concellos, entre o 8% e o 10% dos apoios, acadando os mellores resultados nas localidades entre 5 e 20 mil habitantes.

Tampouco varían moito os datos de VOX, que en cambio, acadou os seus mellores resultados nas grandes vilas entre 20 e 50 mil habitantes.

O PP foi a forza máis votada en todas as cidades, agás Vigo, onde gañou o PSdeG. Os populares melloraron os seus resultados en todas elas, especialmente en Lugo (+13,7 puntos) e A Coruña (+12,4).

O PP foi a forza máis votada en todas as cidades, agás Vigo, onde gañou o PSdeG. Os populares melloraron os seus resultados en todas elas, especialmente en Lugo (+13,7 puntos) e A Coruña (+12,4)

Os socialistas, en cambio, empeoraron o seu resultado de 2019 en todas as urbes, agás Vigo e Pontevedra, onde aumentaron lixeiramente a súa porcentaxe de voto.

Sumar, pola súa banda, tivo comportamentos moi distintos en Lugo e Ourense -con descensos importantes en relación aos datos de UP en 2019, acorde co resultado provincial-, Vigo, A Coruña e Pontevedra -con leves descensos- e Santiago e Ferrol -cunha mellora nas porcentaxes de voto, pode que debido á relación de Marta Lois e da propia Yolanda Díaz con estas cidades-.

O BNG mellorou levemente os seus resultados en todas as urbes, agás Pontevedra, onde se mantivo. E, finalmente, VOX caeu en todas elas.

 

O mapa do PP

Os resultados do Partido Popular este 23X móvense entre o máis do 80% de apoios acadados en Avión, Quintela de Leirado ou Beariz e o 30,8% de Corcubión, o 31% do Grove ou Vigo ou o 31,6% de Fene, os concellos onde obtivo unha menor porcentaxe de voto.

A mellora do PP foi maior no interior de Lugo (A Pastoriza, A Pontenova, Meira, Portomarín...), e en localidades da Costa da Morte e comarcas próximas (Ponteceso, Dumbría, Mazaricos, Vimianzo, Zas...)

Entre as cidades e grandes vilas, destaca o 59,73% acadado en Lalín, cunha mellora de 13 puntos en relación ao 2019, ou o 56% do Carballiño e o 54% de Vilalba, cun aumento de 14 puntos.

Os populares só empeoraron os seus resultados en Quiroga e A Teixeira e foron quen de ser a forza máis votada en todos os concellos agás Vigo, Redondela, O Grove, Fornelos de Montes, A Illa de Arousa, Corcubión, A Capela, Pedrafita do Cebreiro, Ribeira de Piquín, A Fonsagrada, Negueira de Muñiz, Carballeda de Avia, Parada de Sil, Entrimo e Calvos de Randín. En cambio a súa mellora foi maior no interior de Lugo (A Pastoriza, A Pontenova, Meira, Portomarín...), e en localidades da Costa da Morte e comarcas próximas (Ponteceso, Dumbría, Mazaricos, Vimianzo, Zas...)

O mapa do PSdeG

Os socialistas só melloraron a porcentaxe obtida en 2019 en 45 concellos

O PSdeG foi a forza máis votada en Vigo, Redondela, O Grove, Fornelos de Montes, A Illa de Arousa, Corcubión, A Capela, Pedrafita do Cebreiro, Ribeira de Piquín, A Fonsagrada, Negueira de Muñiz, Carballeda de Avia, Parada de Sil, Entrimo e Calvos de Randín. Os seus resultados movéronse entre o 52,5% de Pedrafita e o 8% de Avión e Beariz.

Os socialistas só melloraron a porcentaxe obtida en 2019 en 45 concellos, pero entre eles destaca o incremento obtido en Trabada (8 puntos máis) e en Quiroga, Cervo, Allariz e Vilaboa. En cambio, rexistrou os maiores descensos en Samos, Dumbría e Vilar de Santos.

O mapa de Sumar

Sumar obtivo os seus mellores resultados en Cangas, case o 20%, e tamén en Ferrolterra (Mugardos, Fene, Ferrol, Narón...), O Grove, Vigo e A Pobra do Caramiñal

O mapa dos resultados de Sumar amosa claramente dúas cousas: por unha banda, a concentración do seu voto no eixo da AP-9 entre as comarca de Ferrol e Vigo e o Baixo Miño; e a gran diferenza dos seus datos entre as provincias da Coruña e Pontevedra por un lado e Lugo e Ourense polo outro.

A formación liderada por Yolanda Díaz obtivo os seus mellores resultados en Cangas, case o 20%, e tamén en Ferrolterra (Mugardos, Fene, Ferrol, Narón...), O Grove, Vigo e A Pobra do Caramiñal, ao redor do 16% ou por riba dese porcentaxe.

Sumar mellorou en 53 concellos a porcentaxe obtida por UP en 2019, con A Teixeira, Irixoa ou Moeche como as localidades cunha mellor evolución. 

O mapa do BNG

O BNG obtivo o seu mellor resultado en Vilar de Santos (35%) e Allariz (25%)

O BNG obtivo o seu mellor resultado en Vilar de Santos (35%) e Allariz (25%), aínda que non puido ser a forza mís votada en ningún concello. En calquera caso, a formación nacionalista mellorou os seus datos en case todo o país e só baixou en 53 concellos. Vilar de Santos foi, precisamente, onde máis medrou e Allariz, onde máis descendeu.

O mapa de VOX

VOX rexistrou descensos xeneralizados en case todo o país e, de feito, caeu en 305 dos 313 concellos 

VOX, finalmente, rexistrou descensos xeneralizados en case todo o país e, de feito, caeu en 305 dos 313 concellos galegos. Empeorou especialmente o seu resultado na provincia de Lugo (Becerreá, Abadín, Baleira, Rábade...).

Ribeira (9,2%) foi a localidade onde a ultradereita acadou o seu mellor resultado, seguida de Ponte Caldelas (7,5%)

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.