As primeiras eleccións xerais sen Alberto Núñez Feijóo no liderado do PP de Galicia saldáronse cunha incontestable vitoria para a formación agora encabezada por Alfonso Rueda en termos de escanos no Congreso. Os 13 asentos cos que os populares galegos engrosarán o grupo parlamentario de entrada encabezado polo anterior presidente da Xunta supoñen o seu mellor resultado dende os comicios xerais de 2011 -os da maioría absoluta de Mariano Rajoy-, cando obtiveran 15, e o segundo máis avultado dende a fin do fraguismo.
A incontestable vitoria do PP nos escanos galegos do Congreso non impide que as cifras reflictan outra realidade: a suma das esquerdas tivo o o 50,3% dos votos
O feito de que a representación galega no Congreso reflicta un esmagador dominio dun PP xa liberado dos votos restados por Ciudadanos e sen grandes ameazas pola banda de Vox non impide, así e todo, que as cifras tamén reflictan outra realidade. A suma das tres principais formacións da esquerda neste 23X (PSdeG, Sumar e o BNG) supera as das dereitas (PP e Vox) no conxunto do país ao lograr o 50,3% dos votos fronte ao 48,3% do agregado de PP e Vox e máis da metade da poboación galega vive en concellos onde a esquerda foi máis votada que a dereita o 23X.
Atendendo ao escrutinio provisional -e á espera da incorporación do voto exterior, o coñecido como voto emigrante, que por primeira vez dende as xerais de 2008 foi emitido sen sufraxio rogado-, nun total de 77 concellos os votos das esquerdas son máis que os das dereitas e neles viven 1,57 millóns de persoas. Isto é, o 58,5% do total da poboación residente en Galicia.
Na cidade máis poboada, Vigo, a diferenza a prol da esquerda superou os 26 puntos
Neses concellos onde a suma das esquerdas supera á das dereitas están seis das sete cidades encabezadas por Vigo, onde a diferenza entre bloques estivo por riba dos 26 puntos porcentuais. Na única cidade onde o voto da dereita superou o da esquerda foi Lugo, cun diferencial de 3,6 puntos a prol dos conservadores.
Alén dos municipios máis poboados, o concello con máis marxe para a esquerda este 23X en Galicia foi Corcubión (32 puntos), seguido do Grove (case 28 puntos) e Fene (por riba dos 27). Na marxe contraria están pequenos concellos coma Avión ou Beariz, onde as dereitas superan en máis de 70 puntos ás esquerdas. En Boborás, Cualedro ou Quintela de Leirado esa marxe tamén está por riba do 50%.
Política-ficción: o PP retería a Xunta pola mínima e Vox entraría no Parlamento
Alén dos datos reais do 23X e das súas potenciais consecuencias no futuro político do país, os resultados destas eleccións xerais tamén dan marxe para realizar un exercicio de política ficción: a extrapolación dos resultados a unhas eleccións galegas. Ese exercicio, máis mecánico que político, debuxa un Parlamento galego no que o PP retería pola mínima a maioría absoluta que lle asegura o Goberno e, ademais, tería o colchón adicional dun escano da extrema dereita de Vox pola provincia da Coruña.
O xogo matemático da extrapolación das xerais ás galegas situaría o PP con 38 escanos seguido do PSdeG (24), Sumar (6), BNG (6) e Vox (1)
Nese Parlamento virtual os populares terían 38 escanos, os xustos da maioría, e o PSdeG recuperaría a condición de segunda forza con ata 24 representantes, só un menos que os logrados con Emilio Pérez Touriño á fronte en 2005 e 2009. A continuación estaría Sumar con 6 deputados, os mesmos que o BNG, e o hemiciclo pecharíase con ese asento de Vox, que conseguiría ao superar por estreitísima marxe o limiar do 5% -no Congreso é do 3%- na provincia coruñesa.
Cómpre ter en conta, en calquera caso, que a historia electoral do noso país amosa con claridade que o voto é ben diferente en cada convocatoria electoral. Elementos como a participación, as expectativas ou non de cambio e mesmo as persoas que encabezan cada opción política -no caso das eleccións galegas, os candidatos e candidatos á presidencia- adoitan ser clave nun contexto no que, ademais, quedan por despexar interrogantes fundamentais, dende a data das eleccións ata o futuro político do novo Goberno de España ou de Feijóo como líder do PP.