Vox segue sen callar en Galicia. E iso que, malia o seu descenso a nivel estatal -con máis de 600.000 votos perdidos respecto ás xerais de 2019 e unha baixada de 2,7 puntos-, a formación de ultradereita mantense como terceira forza, con máis do 12% dos votos e 33 escanos, 19 menos que os que tivo na última lexislatura.
Ningún deses representantes chegará de Galicia, o segundo territorio onde menos apoio ten a ultradereita, só por detrás de Euskadi. Con todo, no conxunto do país, Vox obtivo algo máis de 77.000 votos e o 4,8% dos votos logo dun descenso de tres puntos con respecto aos comicios de 2019, deixando polo camiño case 40.000 sufraxios.
O apoio a Vox en Galicia non chegou ao 5% dos votos nas xerais; só en Euskadi obtivo menor porcentaxe (2,6%)
Tan só no País Vasco, co 2,6%, o partido de extrema dereita obtivo menos apoio. O case 5% que Vox conseguiu en Galicia son uns sete punto menos que a media estatal e queda moi lonxe do 21,8% que acada en Murcia, o 17,8% de Castilla-La Mancha, o 15,7% da Comunitat Valenciana, o 15,3% de Andalucía, o 15,2% das Illes Balears ou o 14% que rolda en Madrid, Cantabria e Extremadura.
O Parlamento galego é o único autonómico que non conta con deputados de Vox, que só ten un representante institucional en Galicia: unha concelleira en Avión
Unha ollada ao mapa deixa claro que son o norte peninsular e as comunidades históricas e con lingua propia as que menos apoio outorgan a Vox. En Navarra non chega ao 6% e non alcanza en Catalunya o 8%, porcentaxe á que tampouco chega, ademais, nas Illas Canarias.
Ademais, Galicia é a única comunidade onde Vox non conta con representación no seu parlamento autonómico, logo de que nas últimas eleccións do 28M conseguise entrar en Castilla-La Mancha, Canarias, Extremadura, La Rioja e Navarra logo de contar xa antes con representación noutras nova cámaras autonómicas, onde a mantivo: Aragon, Asturias, Cantabria, Illes Balears, Madrid e Murcia.
De feito, en Galicia só hai un representante institucional da ultradereita, o conseguido nas eleccións municipais do pasado mes de maio por Vox no concello de Avión, en Ourense, grazas ao apoio de 176 veciños. Trátase de Lilian Cerceira Mosquera, tamén candidata ao Senado pola formación que lidera Santiago Abascal.
Desta vez, o apoio á formación de extrema dereita foi escaso en xeral en todos os municipios, destacando entre as localidades máis poboadas o máis do 9% de votos que acadou en Ribeira. Nas cidades, só superou o 5% en Ferrol e Pontevedra, aínda que roldou esa porcentaxe en case todas elas.