Feijóo devolve o PP estatal onde o deixara Rajoy, pero lonxe da maioría absoluta

Feijóo intervén na noite electoral ante Isabel Díaz Ayuso © PP

O popular non é quen de replicar a nivel estatal as súas catro contundentes vitorias galegas e o seu futuro queda por primeira vez en mans de terceiros

Acostumado a contar por maiorías absolutas cada unha das súas catro candidaturas electorais en Galicia, Alberto Núñez Feijóo obtivo este 23X unha vitoria que por primeira vez deixa en mans de terceiros o seu futuro político. O popular logrou recuperar o PP estatal ao nivel no que o deixara Rajoy antes da condena por corrupción no caso Gürtel que derivaría na moción de censura que en 2018 o botou da Moncloa, cuns semellantes 136-137 escanos. Son catro decenas de escanos máis que os que deixou o anterior líder do PP, Pablo Casado, ao que Feijóo contribuíu a defenestrar, pero son igualmente catro decenas de escanos menos que os que dan a maioría absoluta. 

Feijóo e o PP saen deste 23X apelando ao seu dereito a gobernar por ser a candidatura máis votada, pero agora serán o resto de formacións as que terán a palabra nun sistema parlamentario no que os populares non contan a priori con tantos apoios como o PSOE. Unhas negociacións nas que o que se presenta como o seu principal apoio, VOX, supón precisamente unha liña vermella para o resto de formacións.

Durante a súa intervención desde o balcón da sede da rúa Génova de Madrid Feijóo tivo que escoitar berros de "Ayuso, Ayuso"

Na noite deste domingo, e tras obter o 33% dos votos totais fronte ao 31,7% do PSOE, Feijóo reiterou a súa histórica reivindicación de "que goberne o partido máis votado", pero asumindo implicitamente que non o terá sinxelo reclamou ao resto de formacións "que ninguén teña a tentación de volver bloquear España". Nunha intervención desde o balcón da sede do PP na rúa Génova na que nun momento foi interrompido por berros de "Ayuso, Ayuso", en referencia á súa compañeira de partido e presidenta da Comunidad de Madrid, Feijóo asegurou que a el lle corresponde "abrir o diálogo para intentar gobernar". Pero nada dixo sobre como afrontará ese diálogo, que depende tanto del como doutros.

Os resultados de Feijóo, cuxa marcha a Madrid vén provocando sucesivas crises de goberno na Xunta, tamén achegan incertezas ao PPdeG

A esta situación de indefinición sobre o seu futuro chega Feijóo non só tras renunciar hai algo máis dun ano á presidencia da Xunta que mantiña desde hai máis dunha década sen maiores problemas, senón tras provocar el mesmo sucesivas crises no Goberno galego, primeiro cando marchou co seu equipo de fieis e hai un par de meses cando comezou a configurar a actual candidatura tirando novamente de nomes do PPdeG. Á espera do que suceda agora en Madrid, a Xunta non só vén de quedar sen algunhas das persoas que os populares consideraban máis válidas e que agora deberán agardar acontecementos, senón que os resultados electorais tampouco parecen ofrecer certezas en clave galega.

Feijóo celebrando a súa vitoria electoral do 23X © PP

O PPdeG gañou as xerais en Galicia, pero malia que o candidato era un Feijóo que en eleccións galegas arrasaba, a formación non foi quen de chegar ao 44% dos votos fronte a unha suma de PSdeG, Sumar e BNG que superou lixeiramente o 50%. Uns resultados que se producen a como moito un ano de que o presidente Alfonso Rueda teña que convocar eleccións galegas.

Este mesmo domingo, na súa valoración da xornada, Rueda salientou a mellora de resultados do PPdeG en máis de 11 puntos a respecto das anteriores xerais e mesmo salientou que o seu 43% dos votos é "o mellor resultado dos últimos dez anos en Galicia nunhas eleccións xerais", o que evidencia que os populares levaban unha década sen acadar os niveis que lograban tradicionalmente. 

O presidente do PPdeG e da Xunta coincidiu en reivindicar o dereito de Feijóo a gobernar por ser o candidato máis votado, cuestión á que se referiu como unha vitoria "abrumadora", segundo a expresión en castelán que empregou. Porén, algúns dos dirixentes populares que o acompañaban parecían ser eles mesmos os "abrumados".

Alfonso Rueda e Paula Prado, na sede do PPdeG na noite electoral deste 23X CC-BY-SA PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.