O BNG non se achegou ao ambicioso obxectivo de ter "un grupo forte" no Congreso. Mellorou os resultados das xerais de 2019 -cuns 32.000 votos máis e unha suba de case punto e medio- pero quedou co mesmo representante (o de Néstor Rego pola Coruña) ao non poder acadar ningún por ningunha outra provincia.
Co escrutinio case completo, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, ofreceu o voto da súa formación para a conformación dun goberno de esquerdas no Estado e evitar o "risco" dunha repetición electoral.
Pontón ofreceu o voto do BNG para a conformación dun goberno de esquerdas e evitar o "risco" dunha repetición electoral
Ademais, Pontón destacou a suba en número de votos e en porcentaxe, aínda que recoñeceu que non era o resultado que o BNG buscaba, especialmente na provincia de Pontevedra, onde quedou a uns 5.000 apoios de obter representación.
Ana Pontón destacou que o Bloque fará no Congreso o comprometido na campaña electoral: evitar un goberno "da dereita e ultra dereita machista e anti galega" e, á pregunta dos medios, mostrouse "optimista" porque, segundo dixo, os "números dan".
"Son optimista porque os números dan, porque a cidadanía falou e deixou unha mensaxe na urna", manifestou Pontón, quen apelou a que é o momento da "responsabilidade".
Aínda que aclarou que só pode falar polo BNG, apuntou que a "vocación" do Bloque é "que poida darse ese goberno alternativo" e responder a esas persoas que "respiran tranquilas e ven afastarse" ese goberno coa extrema dereita. "Temos toda a vontade de colaborar, cumprindo co que dixemos na campaña", salientou.