Escasas horas despois de que, no único debate electoral ao que accedeu a asistir, Alberto Núñez Feijóo só se amosase visiblemente incómodo no treito en que foi cuestionado polas políticas contra a violencia machista e Pedro Sánchez censurou os seus pactos coa extrema dereita que nega que esa violencia exista, o BNG tiña convocado un acto electoral en clave feminista. Acompañada por varias candidatas da formación ao 23X, a portavoz nacional do Bloque apelou directamente ao voto feminino.
O desenvolvemento da campaña e os "pactos da vergoña" en varios territorios, advirte Ana Pontón, amosan ás claras a necesidade de dar "unha resposta contundente ao PP de Feijóo, que asume o negacionismo machista da extrema dereita". E neste escenario, mantén, "cada escano máis do BNG é un escano menos de Feijóo, aliado dos ultras que negan a violencia machista".
Ao carón da emblemática escultura que representa na Alameda de Santiago ás irmás Maruxa e Coralia Fandiño, As Marías, Pontón comezou por lembrara as últimas vítimas mortais da violencia de xénero. "A violencia machista existe e mata; tentar negala e invisibilizala, como fai Feijóo cos pactos da vergoña, é protexer o agresor fronte á vítima", unha "indecencia política e moral", advertiu xunto ás cabezas de cartel do BNG por Ourense e Pontevedra, Noa Presas e Carme da Silva, e mais pola alcaldesa da capital galega, Goretti Sanmartín.
O Bloque coida que en Galicia sorprende menos que Feijóo "cruce toda as liña vermellas" nos pactos coa extrema dereita: "Coñecémos ben o candidato do PP, é o mesmo que financiaba a Red Madre antiabortista e os colexios do Opus que segregan por sexo"
Que Feijóo dea en "cruzar todas as liña vermellas" neste ámbito, advirte Pontón, é algo que sorprende menos en Galicia. "En Galiza coñecemos ben o candidato do PP", advirte, porque non en van "é o mesmo" que como presidente da Xunta "financiaba a Red Madre antiabortista, que nega ás mulleres o dereito a decidir cando ser nais" ou "o mesmo que financiaba os colexios do Opus Dei que segregan por sexo". Tamén, censura, "votou en contra" das iniciativas nas que o BNG "reclamou xulgados específicos de loita contra a violencia machista" en varias cidades galegas -o PP argumentara que xa os estaba a reclamar dende a Xunta-.
Fronte a esta "involución en dereitos e liberdades", coida Pontón, vén estando "o movemento feminista galego, exemplo de loita enchendo as rúas" nos últimos anos. E por iso, di, fai "un chamamento ás mulleres" para que agora "voten masivamente ao BNG, a prol dunha Galiza que combata a violencia contra as mulleres", que free ao PP e cun "grupo forte" no Congreso reclame eses xulgados en todas as cidade, entre outras medidas para "defender unha Galiza de mulleres libres e iguais".
Pontón lanza esta mensaxe ao electorado feminino tras un debate entre Sánchez e Feijóo que, lamenta, só representou o "vello bipartidismo" e "só deixou barullo". Tras velo, di, cre "aínda máis necesario un debate en clave galega ao máximo nivel en prime time da TVG". Por iso volve "pedir ao PP que levante o veto, porquenunha democracia non se pode fuxir do debate, a súa esencia e un dereito da cidadanía".