Nun tempo no que bastantes feitos políticos sucedían en Galicia por primeira vez, o 27 de febreiro de 2008 os daquela líderes de PSdeG, BNG e PP, que no caso do socialista e nacionalista eran ademais presidente e vicepresidente da Xunta, compareceron ante as cámaras da Televisión de Galicia para debateren as propostas de cadansúas forzas políticas cara ás eleccións xerais do 9 de marzo daquel ano. Había década e media que a audiencia non vía un debate electoral do máximo nivel en Galicia, porque Manuel Fraga se negara a acudir a ningún outro despois do que aceptara antes das eleccións galegas 1993 fronte ao socialista Antolín Sánchez Presedo en Antena 3.
A portavoz nacional do BNG cre preciso o debate para que a poboación coñeza "as alternativas para defender os seus intereses ante o Goberno do Estado" e lembra que propón "exactamente o mesmo" que o PP de Feijóo aceptou de bo grao en 2008
Aquel primeiro debate televisivo a tres da historia electoral galega tiña a peculiaridade de que ningún dos contendentes concorría como candidato aos comicios. Pero, polo si ou polo non, os tres viron con bos ollos aceptar un encontro que a dirección da CRTVG da época deseñou como todo un acontecemento e que non se volveu repetir, porque cando a canle pública o propuxo antes das eleccións galegas de 2009 -programárao en horario de máxima audiencia, substituíndo unha emisión do Luar- Feijóo non acudiu tras descualificalo como "teatrillo amañado".
Outra década e media despois, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, vén de propoñer reeditar aquela experiencia. "Os debates electorais son un dereito da cidadanía e por iso facemos esta proposta dun debate na TVG en horario de máxima audiencia" para que "os galegos e galegas coñezan de primeira man cales son as alternativas que temos as forzas políticas para defender os seus intereses ante o Goberno do Estado. "Espero que o señor Rueda non teña ningún inconveniente en aceptar este debate", entre outros aspectos, por ser "exactamente o mesmo" formato que en 2008.
"Por coherencia, por democracia e por respecto á cidadanía", o agora presidente da Xunta e do PPdeG debería aceptar, considera a líder do Bloque. A cidadanía, defende, "ten dereito a coñecer que van facer os seus representantes en Madrid" e sería boa oportunidade de "falar do que importa á xente" e "do que nos estamos xogando en temas como as infraestruturas, o modelo enerxético ou a situación dos nosos sectores produtivos".
Pero ese debate non se vai producir. Mentres o PSdeG se abriu a considerar que Valentín González Formoso debata sobre as xerais con Pontón e Rueda -os socialistas manteñen que acudirán onde os convoquen-, o PP respondeu descualificándoo. Segundo trasladaron, na dirección da formación de Rueda e Feijóo atribúen a proposta a unha "ansia de protagonismo" de Pontón e a querer "ser o centro de atención nunhas eleccións ás que non se presenta". En 2008, lembra o Bloque, a "petición" inicial de realizar un debate entre líderes das forzas políticas galegas fora, precisamente, de Feijóo.
O PSdeG acudiría pero o PP descualifica a proposta, que atribúen a unha "ansia de protagonismo" de Pontón e a que se "avergoña" das candidaturas do Bloque o 23X
Os populares acrecentan que o Bloque se "avergoña" do seu cabeza de lista pola Coruña e actual deputado no Congreso, Néstor Rego -o seu homólogo no PP é agora Miguel Tellado- e que a formación soberanista "prefire que non se fale en clave nacional" porque foi "inútil en Madrid". Os conservadores completan a súa negativa acusando o Bloque de "regalar o seu voto" a "un presidente nefasto para Galicia" e que os van "derrotar" o 23X.
Hai catro anos, o plan de cobertura da CRTVG para as eleccións xerais do 10 de novembro de 2019 contemplou un único debate. A el foran convocados PSdeG, PP, Unidas Podemos, Ciudadanos, o BNG e tamén Vox -a formación de extrema dereita non fora incluída inicialmente, reclamara ser convocada e cando o foi, non acudiu- e celebrouse ás 10 da mañá no plató do informativo Bos Días.