Néstor Rego, Daniel Castro, Noa Presas e Carme da Silva. Son as apostas do BNG para tentar lograr o "grupo galego forte" que a formación soberanista se fixou como obxectivo cara ás eleccións xerais do vindeiro 23 de xullo, tal e como ratificou este venres o Consello Nacional da formación, convocado para dar o visto e prace ás, en verbas de Ana Pontón, candidaturas "de país" tanto ao Congreso como ao Senado.
Quen foi único deputado do Bloque na Cámara Alta na lexislatura estatal que agora remata recunca como cabeza de cartel na provincia da Coruña, lista na que figura en segundo posto Rosana Pérez, actual voceira de Pesca do grupo do BNG no Parlamento e antiga deputada no Congreso. Por Lugo o elixido é o mariñao Daniel Castro, actualmente deputado máis mozo do lexislativo galego, para liderar unha candidatura na que o segundo posto será para Cristina López, edil de Participación no Concello de Lugo.
Na circunscrición ourensá a formación nacionalista aposta por unha das súas deputadas máis activas no Parlamento galego, Noa Presas, que terá por tras a Eugenio Quintás, edil no Concello de Verín e médico no hospital desa mesma localidade. En Pontevedra, o número un é para Carme da Silva, edil do goberno local, mentres que o segundo posto o asume o responsable comarcal do BNG vigués, Brais Ruanova.
O voto ao Bloque, mantén Pontón, ten un dobre valor o 23X: "que Galiza teña voz propia en Madrid", pero tamén "frear en seco un posible goberno da dereita coa extrema dereita machista e antigalega".
Para o Senado, as candidaturas aprobadas polo Consello Nacional do Bloque inclúen nomes como os de Socorro Cea, ex-alcaldesa de Melide, na provincia da Coruña. Montse Porteiro, enfermeira e concelleira en Barreiros, figurará na candidatura lucense e na ourensá Xurxo Rodríguez, ex-alcalde de Castrelo de Miño. Por Pontevedra destaca o nome do crítico literario Ramón Nicolás.
Afirma Pontón que estas candidaturas son boa mostra de que o BNG vai "a por todas" o 23X co obxectivo de "darlle unha voz forte á nosa nación" na Corte Xerais. Porque o voto ao Bloque, mantén, ten un dobre valor nestas eleccóns: "que Galiza teña voz propia en Madrid", pero tamén "frear en seco un posible goberno da dereita coa extrema dereita machista e antigalega".
Tras unha lexislatura na que, defende a portavoz nacional, "un só deputado do BNG conseguiu máis para Galiza que os 22 restantes" polas circunscricións galegas, cre "demostrado" que "somos unha forza coas mans libres para facer valer os nosos intereses ante o Goberno do Estado". Mentres, coida, "o bipartidismo de sempre" pretenderá facer ver os comicios "cos anteollos do centralismo".