"Precisamos lograr un grupo galego que sexa determinante e que poida negociar a favor dos intereses de Galiza", avanzou Ana Pontón, quen sinalou que a lista para o 23 de xullo recollerá "voces e apoios de forma ampla na sociedade"
O BNG reuniu este sábado o seu Consello Nacional para valorar os resultados das eleccións municipais e organizar a nova convocatoria electoral do 23 de xullo cos comicios estatais. Unha campaña que enfrontan con "determinación". "Temos o motor posto a punto", manifestou Ana Pontón, quen avanzou que "o BNG sairá a gañar" nas xerais para que Galicia teña "máis peso político, máis forza propia e máis forza en Madrid para facernos valor como país".
A portavoz nacional salientou que o BNG necesita unha voz "máis forte" en Madrid para que as cuestións galegas sexan atendidas. "Precisamos lograr un grupo galego que sexa determinante e que poida negociar a favor dos intereses de Galiza", dixo, para engadir que a formación configurará "unha candidatura de país" para o 23X "que recolla voces e apoios de forma ampla na sociedade".
Pontón incidiu en que o obxectivo das eleccións xerais é que o BNG teña un "grupo forte" para que sexa "un actor decisivo na política estatal a favor de Galiza" e parabenizou a Néstor Rego, único deputado da formación nesta lexislatura no Congreso.
A portavoz nacional do Bloque salientou o "grande éxito" da formación nas eleccións municipais do 28M, que "confirman que o cambio galego está en marcha". "Hai unha onda de cambio que non para de medrar desde as pasadas galegas e que ten o BNG como a súa referencia. As eleccións municipais son máis vento nas velas para o proceso de cambio político en Galiza co BNG liderando", apostilou.
"O BNG tivo un incremento do 28% do seu apoio fronte o 9% do PP e o descenso do 15% do PSdeG", detallou Pontón sobre os resultados das municipais
O BNG acadou nas municipais 590 concelleiros e concelleiras, 134 máis que hai catro anos. "En campaña dixemos que iamos ser a forza política que máis subiría e os resultados confírmano. En votos, o BNG tivo un incremento do 28% do seu apoio fronte o 9% do PP e o descenso do 15% do PSdeG", detallou Pontón. O Bloque logrou un total de 19 maiorías absolutas e, cando se resolvan os numerosos pactos pendentes, poderá chegar ás 40 alcaldías e un gran número de cogobernos.
Sobre estes pactos, Pontón sostivo que o Bloque deixa nas mans das agrupacións locais as decisións sobre futuros acordos tendo claro que non permitirá que alí onde o PP non teña maioría, chegue a gobernar. "Traballaremos para ofrecer unha alternativa sólida para eses concellos coa man tendida ás forzas políticas que queiran colaborar connosco", evidenciou.
"Vivimos tempos especialmente intensos na actividade política, por un lado a difícil situación económica e social marcada pola crise de prezos e por outro os procesos electorais obrígannos de xeito constante a dar o mellor de nós e, de paso, poñen en evidencia a importancia extraordinaria de contarmos cunha organización e cunha militancia compormetida, ilusionada, activa e mobilizada en favor dos retos que temos en cada momento", debullou Pontón na súa intervención.
Pontón sostivo que o Bloque deixa nas mans das agrupacións locais as decisións sobre futuros acordos nos concellos tras o 28M
Por outra banda, na reunión do Consello Nacional, Pontón sinalou como motivo de "alegría" a implicación de persoas que non eran militantes do Bloque nas candidaturas e no traballo da campaña. "Fixérono porque hoxe o BNG é o espazo de suma, de ilusión e de esperanza a favor de Galiza", aseverou.
A líder nacionalista destacou que "ao magnífico labor do BNG en Pontevedra" sumarán a alcaldía de Santiago, que este venres confirmou o cargo para a primeira muller na historia deste concello, Goretti Sanmartín, que será apoiada polos votos do PSdeG e mais Compostela Aberta para a súa investidura. "É un símbolo da Galiza que vén", asegurou Pontón, que tamén fixo referencia a unha "nova xeración" que se incorporou á política nestas municipais.