PSdeG e BNG garanten un goberno "progresista" na Coruña pero Jorquera pide a Inés Rey "corrixir cousas"

Inés Rey, alcaldesa en funcións da Coruña, nun acto do PSdeG CC-BY-SA PSOE Coruña

A alcaldesa en funcións da Coruña, a socialista Inés Rey, e o candidato do Bloque, Francisco Jorquera, mostráronse este luns abertos a buscar “fórmulas” para garantir un goberno “progresista” na cidade, aínda que desde o BNG advirten de que serán "esixentes" no proceso de diálogo co que se pretende chegar a un acordo. 

Rey e Jorquera coincidiron nun acto celebrado no Palacio Municipal de María Pita con motivo dos actos conmemorativos da policía local. Alí, Rey adiou ata a vindeira semana os contactos formais co BNG de cara ao pleno de investidura do 17 de xuño e instou a agardar ás reunións previas dos partidos a nivel interno para logo comezar as negociacións entre ambos grupos. Ademais, confirmou que aínda non hai protocolo de negociación establecido. 

Francisco Jorquera celebra o resultado electoral do pasado 28M CC-BY-NC-SA BNG A Coruña

Preguntada por se cre que será ela, como todo apunta, a vindeira alcaldesa da cidade, Inés Rey aludiu aos resultados electorais, nos que a maioría progresista de PSdeG (11 edís) e BNG (4) supera á da dereita, cos 12 do PP. “Os cidadáns falaron, apostaron por un goberno progresista, con maioría de esquerdas”, dixo, sen aclarar se a súa opción preferida é a dun goberno de coalición ou a dun executivo en solitario do PSdeG con pacto de investidura e apoios puntuais do Bloque. “Xa falaremos das fórmulas“, dixo. 

Polo que respecta ao BNG, o seu portavoz no consistorio, Francisco Jorquera, instou a agardar ás reunións das diferentes formacións pero mostrou a "máxima disposición" a garantir a gobernabilidade. Con todo, insistiu en que a actitude do Bloque será "firme e esixente" porque "non lle vale a experiencia dos últimos catro anos". “Hai moitos aspectos que hai que corrixir”, dixo en referencia ao actual mandato e aos “incumprimentos” que, segundo dixo, levou a cabo o goberno municipal. "

En canto á negociación, para Jorquera é preciso acordar “cales deben ser as prioridades, os eixos de acción do goberno do próximos catro anos”, así como “esixir mecanismos que garantan o cumprimento do acordado”. 

Acto polo Día da Policia Local, no palacio municipal de María Pita na Coruña © Concello da Coruña

Respecto a se o Bloque entrará no goberno e formará parte dun executivo de coalición -como ocorreu entre 2007 e 2011 con Javier Losada de alcalde e Henrique Tello de tenente de alcalde-, remitiuse ao mesmo que expuxo durante a campaña electoral: “A vocación do BNG non era entrar en ningún goberno, é ser goberno, por iso todas as hipóteses están abertas, dependerá do grao de acordo a fórmula final”.

Naquel goberno bipartito -co BNG con 6 representantes no pleno e o PSdeG con 11-, o portavoz do BNG, Henrique Tello, era tamén responsable de Emprego, mentres que Xan Martínez Cajital foi concelleiro de Deportes, María Xosé Bravo de Cultura, Ermitas Valencia de Mocidade e Normalización Lingüística, Mario López Rico de Rehabilitación e Vivenda e Margarida Vázquez de Igualdade e Participación. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.