Os populares celebran tres días antes do peche da campaña o seu acto principal nunha cidade que teñen difícil gobernar e reservan as últimas xornadas de captación de indecisos para outras urbes
Nin a carencia e o prezo da vivenda, nin os problemas de mobilidade, nin a falta de zonas verdes nunha cidade densa que mira cara aos seus peiraos. O PP tirou este martes do manual máis clásico da dereita para asegurar, no seu mitin central na Coruña, que os principais problemas da cidade son “inseguridade, okupacións -así transcrito na información divulgada polo partido posteriormente- e sucidade”. Así o asegurou o seu candidato, Miguel Lorenzo, nun acto a tres días do peche da campaña electoral no que estivo acompañado por Alfonso Rueda e no que o partido presentou como principal solución para a cidade “un goberno forte”.
As enquisas publicadas nos últimos días coinciden en non dar posibilidades de que o PP goberne A Coruña con maioría absoluta, o que volvería deixar a cidade en mans dun novo pacto das forzas de esquerda, amplamente maioritarias. Esa situación podería estar detrás do feito de que os populares galegos, con Alfonso Rueda á cabeza, deixen para outras urbes os seus esforzos finais da campaña para captar cidadanía indecisa. Así que ao igual que o presidente galego celebrou o luns, catro días antes do peche da campaña, o seu mitin central en Vigo, outra praza xa dada por perdida, o da Coruña foi este martes, no exterior de Palexco ante varios centos de persoas.
Na súa intervención o candidato popular asegurou que quere “recuperar aquela A Coruña de ilusión, investimentos e calidade de vida” e “dicirlle adeus a esa A Coruña que sae nas novas por inseguridade, okupacións e sucidade”. Para iso, pediu o voto a quen pensaron “votar a outros e saben que será baldío se non apoian un goberno forte”.
Esa idea da necesidade dun goberno “forte” e dunha soa cor do PP foi reforzada por Rueda, quen asegurou que con Lorenzo a cidade sairía “da parálise cun goberno que non perda o tempo en liortas internas, en enfrontamentos estériles, en ocultar problemas e negar a realidade”. Para o presidente galego “na Coruña só hai dúas alternativas: ou un goberno do PP con Miguel Lorenzo ou unha combinación dun pouco máis de PSOE, un pouco menos de PSOE e algo de BNG”.
Rueda insistiu en presentar as municipais en clave estatal e asegurou que votar á actual alcaldesa da Coruña supón reforzar a Pedro Sánchez
Na súa intervención Rueda tamén insistiu en presentar estes comicios locais en clave estatal. Tras asegurar en xornadas previas que o voto aos candidatos municipais do PP permitirá reforzar a posición en Madrid de Alberto Núñez Feijóo, este martes na Coruña incidiu en que “non hai ninguén que estea esperando máis os votos da candidata socialista da Coruña que o socialista que vive na Moncloa, que non se presenta a estas eleccións pero necesita eses votos máis que ninguén”.