O PP promete para os concellos oficinas 'antiocupacións' como a que pagou na Xunta, con 30 consultas nun ano

O presidente da Xunta e do PPdeG, con Ayuso, Feijóo e Martínez-Almeida, este 10 de abril nun almorzo informativo da presidenta madrileña ao que acudiu en calidade de titular do Goberno galego CC-BY-SA Xunta

O pasado 2022 rematou con quince desafiuzamentos por cada novo caso de ocupación en Galicia. En total, 1.523 desaloxos -case 1.300 deles, en vivendas alugadas- fronte a 101 ocupacións de vivendas nas que "os propietarios son persoas físicas, entidades sen ánimo de lucro ou entidades públicas posuidoras de vivenda social", segundo o Consello Xeral do Poder Xudicial, que recompila os datos dos diferentes xulgados.

O pasado 2022 rematou con quince desafiuzamentos por cada novo caso de ocupación en Galicia

Estes datos, mesmo sumados aos da patronal inmobiliaria -que inclúen as ocupacións irregulares de pisos propiedade de bancos, o que segundo estas empresas supoñen o 80% do fenómeno en Galicia- amosan que o da ocupación é un fenómeno residual. Especialmente en comparación con outras problemáticas ligadas ao dereito á vivenda, caso das galopantes alzas de prezos ou mesmo da escaseza de pisos e casas en condicións para seren alugadas

Con este pano de fondo, o PP de Galicia vén situando a cuestión das ocupacións ilegais como un dos piares do seu discurso político en materia de vivenda, ata o punto de expoñer dende o Goberno galego que a "principal demanda" da Xunta ao Estado neste ámbito é a loita contra as ocupacións. Esa afirmación lanzábaa o pasado 2022 a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, o mesmo departamento que en 2021 financiou un servizo de asesoría antiocupacións que, no seu primeiro ano de existencia, recibiu apenas 30 consultas, resultado que a propia Xunta admitiu adxectivou como "discreto", pero tamén "satisfactorio".

Os programa dos populares para o 28M oferta unha versión ampliada da oficina 'antiocupas' que implantaron na Xunta aínda con Feijóo como presidente, cuxos resultados o propio Goberno galego acabou admitindo como "discretos"

Malia á escaseza de demanda do servizo da Xunta, o PP galego estendeu nos últimos meses a esixencia destes consultorios sobre ocupacións de vivendas a varios concellos galegos, caso de Vigo e Lugo. E agora, na liña de reciclar para a dirección estatal do partido propostas e argumentos antes utilizados en Galicia, a cúpula que encabeza o ex-presidente Alberto Núñez Feijóo vén de incluír unha iniciativa practicamente idéntica no seu programa para as eleccións municipais do 28 de maio, que tamén son autonómicas nunha ducia de territorios.

Tal e como destacou nos últimos días a número dous de Feijóo no PP, Concepción Cuca Gamarra, os populares promoven "un teléfono 24 horas e oficinas municipais con asesoría xurídica para axudar os afectados por okupas". Isto é, reciclar a oficina antiocupacións ensaiada en Galicia pero con maior horario e extensión.

Nas páxinas 77 e 78 dese programa electoral, os de Feijóo introducen a proposta afirmando que o Goberno de España "é o único da Unión Europea que impulsou normativas tolerantes coa ocupación ilegal de vivendas", din sen indicar a que normas se refiren. A continuación, expoñen que para "garantir o dereito á propiedade privada", defenderán "as modificacións lexislativas necesarias" para "loitar contra a ocupación ilegal de vivendas". 

A dirección de Feijóo asegura que o Goberno de España "impulsou normativas tolerantes coa ocupación ilegal" sen concretar a cales se refiren e pide eximir de impostos vivendas ocupadas, sen distinguir entre propiedades de persoas físicas ou bancos

"Crearemos -prometen- oficinas técnicas municipais para a loita contra a ocupación ilegal que conten cunha asesoría xurídica aos veciños ou comunidades de veciños afectados" e tamén "un teléfono de atención ao cidadán 24 horas para actuar de forma inmediata ante ocupacións ou intentos de ocupación". Tamén aseguran que crearían unha "xanela única de tramitación de asuntos relacionados coa ocupación ilegal", sen indicar que repercusións competenciais tería a medida.

Os populares acompañan a promesa afirmando, ademais, que "as vivendas ocupadas ilegalmente non serán obxecto de carga tributaria local ou autonómica durante o tempo que se prolongue a situación" porque é "inconcibible" que "o propietario teña que pagar impostos" neste caso. O texto non indica o xeito en que aplicarían esta reforma fiscal, na que o programa electoral non distingue entre vivendas de persoas físicas e aquelas que son propiedade de fondos de investimento ou bancos.

Sobre os desafiuzamentos, o programa para o 28M da formación encabezada por Feijóo é moito máis sintético. Alén de sinalar que, onde gobernen, pretenden profundar en medidas de "prevención" dos desaloxos, aseguran que se "comprometen" a "garantir a xestión de bolsas de vivendas destinadas a familias en situación de emerxencia ou desafiuzadas por causa de extraordinaria necesidade".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.