O prezo da vivenda encareceu un 6,6% en 2022, a maior suba en 15 anos

Edificios de nova construción na Coruña © Concello da Coruña

Os prezos encadean o oitavo ano consecutivo de subas, dende que en 2015 deixaron atrás os descensos iniciados despois do estalido da burbulla inmobiliaria de 2008

Mercar unha vivenda en Galicia foi no ano 2022 un 6,6% máis caro que no ano anterior, un incremento que constitúe a maior suba dende o ano 2007 (+11,4%). Os prezos encadean así o oitavo ano consecutivo de subas, dende que en 2015 deixaron atrás os descensos iniciados despois do estalido da burbulla inmobiliaria de 2008. 

O encarcemento da vivenda en Galicia durante o pasado é lixeiramente inferior á media estatal (+7,4%). Os prezos medraron sobre todo nos dous primeiros trimestres (subas interanuais do 8,3% e do 7,7%), mentres que na segunda metade do ano moderaron un pouco a súa alza e, de feito, no derradeiro trimeste do ano a variación interanual moderouse ata o 4,5%.

A vivenda nova foi a que máis aumentou o seu prezo no 2022 (+7,6%)

A vivenda nova foi a que máis aumentou o seu prezo no 2022 (+7,6%), fronte ao encarecemento da vivenda de segunda man do 6,4%. Porén, en ambos os dous casos a suba durante o pasado ano foi a máis importante nos últimos 15 anos, dende aquel 2007.

O prezo de compra da vivenda nova en Galicia xa supera o nivel que acadara antes da crise inmobiliaria

Os prezos da vivenda están a achegarse aos niveis máximos acadados nos anos anteriores á Gran Recesión. O índice xeral, con base 100 no ano 2015, sitúase nos 128 puntos, preto xa do máximo acadado en 2008 (140). Con todo, o prezo da vivenda nova si que superou xa o nivel que acadara antes da crise inmobiliaria; o índice actual, situado no 147% do nivel de 2015, supera en varios puntos o que se rexistraba nos anos 2008 e 2009 (132 e 133 puntos). Mercar unha vivenda nova é hoxe case un 50% máis caro que hai sete anos. En cambio, o prezo da vivenda usada está aínda ben por debaixo dos niveis pre-crise.

A tendencia ascendente do prezo da vivenda nova e usada engádese a un contexto de encarecemento dos prezos do alugueres, que medraron un 30% dende o ano 2015, unha suba moi semellante á que rexistra a vivenda de segunda man.

Ademais, cómpre ter en conta que nos últimos dous anos apenas se remataron 468 vivendas protexidas en Galicia, unha cifra moi inferior á que se rexistraba na derradeira década do século pasado ou na primeira do século actual, cando cada ano se finalizaban unhas tres mil vivendas protexidas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.