Rueda axita o medo á ocupación de vivendas ampliando en campaña un convenio que leva asinado catro meses

Alfonso Rueda e a presidenta do Consello da Avogacía Galega, Lourdes Carballo, escenifican a sinatura do novo acordo sobre ocupacións ilegais, este 22 de maio de 2023, en presenza da conselleira Vázquez e outros cargos CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

No ano 2021 o Instituto Galego da Vivenda e Solo, dependente da Consellería de Medio Ambiente, asinou un convenio co Consello da Avogacía Galega (CAG) para que, por 27.000 euros, e a entidade que agrupa os colexios galegos de avogacía mantivese durante un ano un servizo telefónico e por internet de "atención xurídica" gratuíta para "afectados pola ocupación ilegal da súa vivenda" e elaborase unha guía ao respecto. Un ano despois, a Consellería deu en admitir que o servizo apenas recibira 30 consultas nun ano, un resultado que, admitía, podía semellar "discreto", pero que o Goberno galego vía "satisfactorio".

Tras recibir apenas trinta consultas nun ano, a Xunta renovou por 50.000 euros o teléfono 'antiocupacións' que encomendara ao Consello da Avogacía, pero engadindo tamén a posibilidade de realizar consultas sobre desafiuzamentos

Ao ano seguinte, en 2022, o departamento que dirixe Ángeles Vázquez, na liña política mantida tanto pola súa Consellería como polo Goberno e o PP galego en xeral para sinalar a ocupación ilegal como o "principal" problema de Galicia en materia de vivenda malia á súa escaseza -acreditada reiteradamente polos datos oficiais do Consello Xeral do Poder Xudicial-, renovou o convenio, pero con mudanzas. A fundamental, incluír no servizo de asesoramento antiocupacións outro de atención a persoas en risco de desafiuzamento, que a Xunta xa financiara en colaboración co Consello da Avogacía no pasado, pero que cancelara en 2018. Achegou 50.000 euros para un acordo que expiraba na fin do ano.

Fragmento do convenio asinado pola Xunta co Colexio da Avogacía o pasado febreiro no que a entidade se compromete a asumir a actualización das guías incluídas no acordo coas novidades lexislativas que poidan xurdir na materia CC-BY-NC-SA Praza.gal

O pasado 1 de febreiro, ambas partes asinaron unha nova edición do convenio, tal e como quedou reflectido no Diario Oficial de Galicia deste 22 de maio, en virtude das obrigas da lei de transprencia. A conselleira Vázquez, por unha banda, e pola outra a nova presidenta do Consello da Avogacía, Lourdes Carballo, acordaron manter a liña de atención telefónica e un servizo de atención a través de internet para "persoas propietarias afectadas por unha intrusión non consentida nas súas vivendas, así como a persoas en situación de desamparo en risco de perda da súa vivenda habitual". Ademais, o Consello asumía a realización de diversos informes e a "realizar unha campaña de difusión en medios" ao respecto. Todo, outra volta, por 50.000 euros.

En febreiro a Xunta renovou por 50.000 euros o convenio co Consello da Avogacía, que asumiu a obriga de "revisar, segundo as eventuais novidades lexislativas", o contido das guías sobre ocupacións que elaborou ao abeiro dos anteriores. A seis días do 28M, Rueda anuncia un novo acordo para "elaborar unha guía informativa" sobre "vivendas ocupadas ilegalmente"

No texto dese mesmo convenio, o Consello da Avogacía tamén se comprometeu a asumir "a revisión segundo as eventuais novidades lexislativas ou xurisprudenciais" das "guías informativas para as persoas en risco de perda da súa vivenda habitual" ou con "vivendas ocupadas ilegalmente" que foran "froito" dos anteriores convenios. Ese traballo, especificaba, "será asumido polo CAG ao seu custo".

No entanto, este luns, a escasos seis días das eleccións municipais, o presidente Alfonso Rueda escenificou a sinatura do que a propia Xunta presentou como "un convenio de colaboración" do IGVS co Consello da Avogacía "para elaborar unha guía informativa sobre os dereitos e obrigas das persoas propietarias ou usufrutuarias de vivendas ocupadas ilegalmente". Isto é, o que atendendo ao texto do convenio do pasado febreiro xa estaba previsto facer sen custo nin acordos adicionais a través dun documento que, como norma xeral, asinan os conselleiros e conselleiras e non o presidente.

Preguntadas ao respecto por Praza.gal, tanto a Consellería como o Consello da Avogacía aseguran que se trata dunha engádega ao convenio do pasado febreiro e non dun novo. O obxectivo, indican dende o Executivo, é inserir información "á vista da regulación contida na Lei estatal polo dereito á vivenda, que entrará en vigor proximamente". Ningunha das dúas partes especifica se esa engádega implica financiamento adicional sobre os 50.000 euros pactados en febreiro para o convenio actual, vixente ata o 31 de decembro, nin as novidades a respecto da devandita cláusula sobre a actualización das guías. Cando o convenio foi asinado, xa era coñecido que o trámite da nova lei estaba na recta final no Congreso. 

Rueda xustifica que procuran "dar garantías aos propietarios" ante eventuais ocupacións polas "incertezas que xera" a nova lei estatal de vivenda. O pasado 2022 rematou en Galicia cos desafiuzamentos multiplicando por 15 os novos casos de ocupacións, segundo datos do Poder Xudicial

Segundo Rueda, o que agora procuran é "dar garantías aos propietarios ante as incertezas que xera" esta norma e ofrecer ás persoas "afectadas pola ocupación dun inmoble" a "mesma asistencia" que "se presta cando unha persoa é vítima dun desafiuzamento", di. Atendendo á información oficial do Poder Xudicial, os desafiuzamentos multiplicaron por quince os novos casos de ocupación rexistrados durante o pasado ano en Galicia.

"Trátase -defende o presidente da Xunta- de traballar para solucionar os problemas da vivenda, tamén os dereitos daqueles con vivenda lexitimamente en propiedade e ilexitimamente privados dela", engadiu sen cifras ao respecto máis alá de indicar "os datos apunta aun incremento do número de vivendas ocupadas" que "ascenderían a un milleiro dende 2015", di. Porque este, salienta, "é un dereito que debe ser defendido e exercido" e a nova lei estatal "vai exactamente polo sentido contrario", asegurou sen asegurar a que se refire especificamente. En días pasados, a Xunta xa advertiu de que non utilizará a capacidade que a nova lei outorga ás comunidades autónomas para limitar os prezos da vivenda en alugueiro mediante a declaración das denominadas "zonas tensionadas".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.