Lores recunca como alcalde en Pontevedra e toma nota do "recado" das urnas tras o ascenso do PP

Comparecencia de Miguel Anxo Fernández Lores tras o resultado electoral 28M 2023 en Pontevedra CC-BY-SA BNG Pontevedra

Pontevedra renova a confianza no seu alcalde, o nacionalista Miguel Anxo Fernández Lores, que conseguiu 9 escanos para o BNG, dous menos que nos anteriores comicios. Dous edís que sumou o PP ata acadar os 11 para a candidatura de Rafa Domínguez. Tamén subiu o PSdeG de Iván Puentes, que pasou de 4 a 5 escanos. Ciudadanos, que tiña un representante no concello pontevedrés, desaparece neste novo mandato.

Lores mostrouse “honrado” polo apoio para o seu sétimo mandato na cidade de Pontevedra. “Os resultados mándame un recado, un aviso, que queren que o faga moito mellor. E eu tomo nota, que estean tranquilos os cidadáns de Pontevedra porque vou intentar facelo mellor”, afirmou na súa valoración dos resultados na noite do 28M.

O goberno municipal de Pontevedra manterase liderado polo BNG co apoio do PSdeG, a mesma fórmula que neste mandato que remata, a pesar de que o Partido Popular foi o máis votado nestes comicios e pasará dos 9 aos 11 concelleiros na oposición municipal. O PP recibiu o 38,85% dos votos en Pontevedra, oito puntos máis que hai catro anos, pero quedou a dous edís da maioría absoluta.

O cabeza de lista do PP pontevedrés, Rafa Domínguez, destacou na súa valoración de resultados que “despois de 12 anos” o PP “consegue gañar unhas eleccións en Pontevedra” e mostrouse “contento” coa que dixo que é unha “mensaxe clara” da cidadanía, que escolle “a ilusión e o proxecto de futuro” dos populares.

Despois de 24 anos na alcaldía, Lores mostrouse convencido de que conta co apoio da cidadanía pontevedresa para manterse no cargo. “Entendo que os cidadáns de Pontevedra queren que siga como alcalde, pero ao mesmo tempo me mandan unha petición seria de que queren que o faga mellor”, replicou Lores.

Miguel Anxo Fernández Lores non entrou a valorar na súa primeira comparecencia os porqués da perda de dous concelleiros nestas eleccións e confirmou que a partir do luns iniciará as conversas cos socialistas para os seguintes catro anos.

Pola súa banda, Iván Puentes, candidato do PSdeG nestas eleccións, celebrou os mellores resultados dos socialistas en 16 anos, que entende como un “aval” do seu proxecto a longo prazo para que Pontevedra “avance”. “Somos conscientes de que se nos votou para iniciar e inaugurar un novo tempo en Pontevedra”, manifestou.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.