Na campaña electoral galega de 2020 as restricións pola COVID uníronse ás temperaturas estivais para propiciar que os mitins se celebrasen ao aire libre. Naquela carreira electoral o BNG optou por citar a militancia e simpatizantes en grandes prazas ás que noutrora non acudía, especialmente nas cidades, nas que as obrigadas medidas de distancia entre cadeiras propiciaban cubrir unha ampla superficie coa pouca asistencia que estaba permitido ter.
"Calquera voto que non vaia ao BNG será un voto para a volta atrás, por volver a aquela Pontevedra rancia, casposa e en branco e negro dos anos 80 e 90, defende o candidato á reelección, que expuxo no mitin central xunto a Pontón o seu plan "ambicioso e realista" para a vindeira década
Nesta campaña municipal do 28M non fica rastro das restricións e, no inicio da xeira de mitins centrais, este venres en Pontevedra, o Bloque volveu optou por unha desas grandes prazas, a Ferrería de Pontevedra, na que non precisaron de distancia para xuntar unha ampla concorrencia. No seu emblema municipal, a portavoz nacional da formación, Ana Pontón, acompañou un Miguel Anxo Fernández Lores que opta o seu sexto no mandato na alcaldía e que asegura estar no seu "mellor momento" para liderar a "Pontevedra do futuro". Pero que tamén advirte, como vén facendo toda a campaña: existe risco de retroceso.
Defendeu Lores na Ferrería que o seu mellor "aval" é conseguir "transformar" nestas dúas décadas "unha cidade gris, triste, enferma, difícil para vivir" nunha Pontevedra "amábel, dinámica, segura, accesíbel, respectuosa co medio". "Entre todas e todos logramos que a nosa Pontevedra sexa un referente no mundo", celebrou, se ben advertiu de que a continuidade do modelo urbano só pasa polo BNG. "Calquera voto que non vaia ao BNG será un voto para a volta atrás, por volver a aquela Pontevedra rancia, casposa e en branco e negro dos anos 80 e 90", afirma.
"Non o digo eu, estano dicindo as demais candidaturas", xa que "prometen" cousas como "aumentar a cantidade de tráfico e os seus perigos", "sacar as persoas das rúas de Pontevedra para substituílas por máquinas" reformulando a concepción de toda a cidade como zona de baixas emisións. "Que mal lles senta o fervedoiro de xente de aquí e de fóra que hai en Pontevedra, que mal o pasan!", ironizou nun discurso no que instou a "paralos con votos, con votos e con máis votos" ao BNG, a comezar polo PP "máis montaraz e señoritil".
A recuperación de Santa Clara, a renaturalización da Xunqueira de Alba ou virar o museo en "Museo Nacional de Galiza", entre os plans que destaca Lores
Fronte a eses riscos, Lores esgrime o "proxecto nidio e ben definido" para a próxima década que presenta o Bloque. "As demais candidaturas non teñen un proxecto, teñen a obsesión de darlle a volta atrás a este modelo", mentres que o BNG, mantén, presenta un plan de actuacións "ambiciosas e realistas" como "ver a pleno rendemento" o recuperado convento de Santa Clara, a renaturalizada Xunqueira de Alba ou a ría sen Ence, así como "o soño dunha nova xeira de infraestruturas como a variante de Alba, o remate do paseo a Marín" , o "soño dunha ecoloxía urbana de vangarda" ou de "ver convertido o Museo de Pontevedra no que na práctica sempre foi, o Museo Nacional de Galiza", resaltou.
Pontón: "Lores e o seu grupo pensaron Pontevedra en grande igual que eu penso unha Galiza en grande; o meu soño é facela realidade como se está a facer en Pontevedra"
"En resumo: avanzar, avanzar e avanzar, máis por vir!", proclamou Lores en presenza de Pontón, que non oculta que o modelo pontevedres sería, en boa medida, un guieiro para ela mesma e o seu equipo no caso de chegaren á Xunta en 2024. "Lores e o seu grupo pensaron e pensan Pontevedra en grande, igual que eu penso unha Galiza en grande e o meu soño e facela realidade, como se está a facer en Pontevedra".
Non obstante, como Lores, Pontón advirte de que "nada está gañado". "Temos todas as papeletas, pero hai que traballalo; non se pode perder un voto das persoas que lle queren a Pontevedra". "Hai que traballar e conseguir ata o último voto", porque eses sufraxios, coida a líder soberanista, tamén van servir para que "dentro de pouco poidamos empezar a construír unha Galiza en grande" dende o Goberno galego.