O modelo urbano de Pontevedra recolle dende hai anos numerosos recoñecementos internacionais e vén sendo sinalado como referencia na recuperación do espazo público a prol do uso peonil e en detrimento do vehículo privado. Esa condición vén levando dende hai anos o goberno local pontevedrés a ser convidado a numerosos foros globais sobre o futuro das cidades como o que nestes días se celebrou na sede do Parlamento Europeo en Estrasburgo.
No marco da presidencia de quenda de Francia no Consello da UE, a entidade Centre-ville en mouvement organizou na Eurocámara o seu segundo foro sobre os centros das cidades. Para participar no panel Mobilidade e peonalización: como facer os nosos centros urbanos máis accesibles e agradables convidou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores (BNG), xunto con representantes de Liubliana (Eslovenia) e Lund (Suecia).
Lores centrouse en expoñer o modelo de mobilidade e peonalizacións de Pontevedra remontándose ao momento en que o BNG logrou a alcaldía da Boa Vila por primeira vez. "Cando partimos no 1999, Pontevedra era un almacén de coches" e por iso "o daquela novo goberno local tiña claro que era preciso un cambio de paradigma" para o que cumpría "buscar apoio social", pero tamén "executalo con valentía política". A clave, que os vehículos "pasen a ocupar o 30% do espazo público e os peóns, o 70%".
Lores intervén en Estrasburgo nun panel sobre o futuro dos centro das cidades para expoñer o modelo pontevedrés, "executado con valentía política" para "poñer o peón na cima da pirámide e o vehículo privado, na base"
Partindo desa base, explicou, modificáronse as prioridades: "poñendo o peón na cima da pirámide e o vehículo privado, na base" e autorizando esencialmente "o tráfico de destino, o necesario para que a cidade funcione". Ligadas a estes conceptos chegaron accións concretas como "accesibilidade universal, boa iluminación, renovación de servizos" ou "renaturalización urbana" ao tempo que xa en 2010 "reducimos a velocidade en todas as vías municipais a 30 quilómetros por hora" e en 2019, a 10 "en todas as zonas de preferencia peonil".
Todo isto, agrega Lores, "non se consegue só con lexislación, senón tamén co deseño da propia cidade", dende a instalación de pasos de peóns elevados (xa hai 597, lembra) á "integración das bicicletas no tráfico convencional". Mentres, di, "para que o sistema funcione" tamén cómpre ter en conta o "fomento da actividade económica, dinamismo cultural e comercio de proximidade", á procura dunha "cidade compacta e multiservizos" que "evite a suburbanización, a especialización de zonas" e que agromen "áreas comerciais na periferia que xeran un tráfico inasumíbel".
"O resultado -resume o alcalde de Pontevedra- é a redución do tráfico a motor, un aumento da poboación no centro da cidade" ou que "o 80% das nenas e nenos vaian camiñando ao colexio" mentres "se reduciron un 60% as emisións de CO2". En síntese, afirma, "as decisións políticas tomadas en beneficio da cidade son asumidas maioritariamente pola poboación" e por iso "non hai que ter medo". Ademais, "non son máis caras que facer as cousas doutra forma" e mesmo pode implicar "beneficio electoral".
A viaxe de Lores, que acudiu acompañado polo tenente de alcalde, o socialista Tino Fernández, finaliza este xoves nun encontro con entidades locais no Consello de Europa.