"Reivindico a política, porque penso que non hai solucións sen solucións políticas". O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, expresábase deste xeito o pasado 4 de decembro no encontro Agenda urbana y cambio climático, un dos múltiples eventos que transcorren estes días en Madrid no marco da COP 25, o cumio das Nacións Unidas sobre o cambio climático.
Alén das sesións centrais e dos eventuais acordos que os gobernos participantes poidan adoptar, a COP é tamén un enorme panel de eventos paralelos ou colaterais no que múltiples entidades, tamén administracións públicas, expoñen as súas experiencias para combater a crise climática ou os proxectos nos que traballan para tentar facelo nos vindeiros anos. Dous concellos galegos, o pontevedrés e mais o de Lugo, acudiron en dúas ocasións a estas sesións na última semana.
Dentro das actividades ligadas á COP25, Pontevedra e Lugo acudiron dúas veces a expoñeren experiencias que xa están en marcha ou que ambos concellos prevén para os vindeiros anos
No caso de Pontevedra, a súa participación na COP non é nova, porque o propio Lores xa fora convidado ao cumio do clima de hai catro anos en París. A primeira das dúas intervencións do rexedor pontevedrés produciuse por convite do Ministerio de Fomento para abordar o modelo de "mobilidade sostible" da cidade do Lérez. "Cada un, dentro da súa responsabilidade política, ten que exercer as súas competencias, non hai escusas para non tomar decisións", advertiu o rexedor do BNG nun contexto no que a directora da Fundación Conama, Alicia Torrego, subliñou que "a estas alturas, xa todos temos interiorizado que Pontevedra é unha cidade para camiñar".
Isto é así, resaltou Lores, porque dende hai dúas décadas Pontevedra deixou de ser "un almacén de coches" para procurar "un espazo público para as persoas, para a estancia". O modelo urbano pontevedrés, subliñou, trouxo consigo "unha redución do 67% das emisións de CO₂ grazas ao calmado e á redución de tráfico", cun impacto na saúde que suscitou, precisamente, a súa segunda participación no cumio, este sábado, neste caso convidado polo Ministerio de Sanidade para falar no evento Las políticas municipales frente a la contaminación atmosférica y el cambio climático, tamén paralelo á COP25.
Lores: "Logramos unha redución do 67% das emisións de CO₂ grazas ao calmado e á redución de tráfico"
"Pontevedra leva vinte anos traballando por mellorar a calidade de vida da súa veciñanza seguindo todas as pautas máis avanzadas do mundo" emanadas de cumios coma este, subliñou Lores. Non obstante, advertiu ante responsables doutros municipios -entre eles, Madrid-, cómpre estender a "asunción de competencias con valentía e determinación". "Sinceramente, cremos que non se está avanzando suficientemente" na loita contra o cambio climático "especialmente por parte dos Estados e das empresas", pero "tamén, por parte dalgúns municipios". Neste sentido, e "aínda que nos gustaría que fose máis efectivo", si cómpre admitir que a celebración da COP25 "pon no primeiro plano da opinión pública" esta situación.
Construción en madeira e calor por biomasa en Lugo
No caso do Concello de Lugo, a primeira das súas dúas intervencións desenvolveuse no marco da xornada Acciones Locales por el Clima, impulsado na programación da COP pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e outras entidades ligadas á Administración local. Alí a alcaldesa lucense, Lara Méndez, debullou proxectos incluídos no proxecto LIFE Lugo Biodinámico, cofinanciado pola Unión Europea e no que o consistorio traballa da man da Universidade de Santiago.
A alcaldesa de Lugo presentou o proxecto de "barrio multiecolóxico", de nova construción baseada en madeira autóctona
Méndez fixo especial fincapé no que o goberno da cidade presenta como un dos seus proxectos centrais en materia ambiental: "levantar, dende cero, o primeiro Barrio Multiecolóxico" do Estado na contorna da Garaballa. Este proxecto pretende "aplicar solucións ecolóxicas na planificación urbanística e nos servizos" colaborando co sector forestal, "xa que a madeira autóctona será o elemento construtivo do barrio", subliña a socialista. "Onde primeiro se poderá ver será no Edificio Impulso Verde, o primeiro de uso público construído utilizando madeira de Galicia" e que "emitirá un 90% menos de CO₂ que edificios de formigón e aceiro".
Alén deste barrio de nova construción, detallou Méndez, outro dos pés do proxecto LIFE Lugo Biodinámico é "o novo pumón verde de 16 hectáreas que completa o Cinto Verde de Lugo", cuxa concepción se remonta tamén a finais dos 90. Trátase, di, de "xerar un espazo que mellora a calidade doa ire da contorna, fomentando a absorción de CO₂ e axudando á recuperación de especies de flora e fauna". Ademais de ser un novo espazo verde para o paseo ou a práctica deportiva, subliña, "recuperouse unha xoia natural, un humidal que será Espazo Natural de Interese Local (ENIL) e "establecéronse zonas de cultivos demostrativos para a construción das cidades do futuro", espazos tamén para a investigación do Campus Terra da USC.
A rede de calor de biomasa substituíu sistemas de calefacción e auga quente en espazos deportivos municipais antes alimentados por combustibles fósiles
A segunda quenda de Lugo nos eventos ligados á COP25 desenvolveuse o pasado xoves, nun dos paneis dedicados á ligazón entre "sostibilidade de deporte". Neste caso foi o edil de Deportes da cidade da Muralla, Miguel Fernández, quen subliñou o aproveitamento para a práctica deportiva de espazos naturais lucenses, como o paseo do río Rato -parte da reserva da biosfera Terras do Miño- xunto a proxectos aínda por desenvolver como "a creación de máis de 15 quilómetros de carril bici que servirán para dar continuidade ás vías de circulación compartida e tráfico relaxado que xa existen no perímetro da Muralla" e que chegarán ao devandito "Barrio Multiecolóxico" de nova construción.
Ligada ao deporte, resaltou Fernández, está tamén a "primeira rede de calor municipal con biomasa de toda Galicia, que abastece de enerxía térmica a oito edificios municipais con pautas moi diferentes de consumo e potencia". Esta instalación de biomasa dá servizo a infraestruturas municipais como "unha piscina climatizada, un polideportivo, un campo de fútbol e un club de tenis de mesa" e serve para alimentar sistemas de calefacción ou auga quente. Onde agora se emprega a biomasa, subliña, antes había "combustibles fósiles", polo que a mudanza é unha mostra práctica de "redución das emisións de CO₂ á atmosfera". Isto, conclúe, "non é unha moda, é unha necesidade e no caso do Concello de Lugo, tamén unha convicción".