Concienciadas: o cambio climático existe e aféctanos

O cuarto episodio de Concienciadas céntrase no cambio climático, os seus efectos e os xeitos de afrontalo CC-BY-NC-SA Praza Pública

Cadrando co inicio do Cumio do Clima, o cuarto episodio de Concienciadas explícanos en que consiste o cambio climático, que parte se debe a causas naturais e que sucedeu para que teña tamén por tras a man do ser humano

Este 2 de decembro comeza a Conferencia das Partes da Convención Marco das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático, a COP25, que se ía celebrar en Chile e finalmente acolle Madrid. Esta cimeira internacional achega durante uns días ao primeiro plano da actualidade a crise climática e os seus efectos, así como as vías para afrontar un fenómeno sobre o que se estende a concienciación, pero tamén a desinformación e, ligada a esta, o negacionismo.

No cuarto episodio de Concienciadas, a sección de divulgación científica de Praza.gal, Iria Veiga e Javier Balea explícannos en que consiste o proceso de variación global do clima na Terra, que parte se debe a causas naturais e que sucedeu nos últimos séculos para que estes cambios teñan tamén por tras a man do ser humano. Porque o cambio climático existe e aféctanos, tamén en Galicia.

Como explican Iria Veiga e Javier Balea, as actividades humanas causaron un aumento da concentración dos gases de efecto invernadoiro na atmosfera. Entre estes podemos distinguir vapor de auga, dióxido de carbono, metano, óxidos de nitróxeno, ozono ou clorofluorocarbonos, e menos estes últimos, o resto son naturais, polo que xa existían na atmosfera antes da aparición da nosa especie. Porén, dende a revolución industrial producíronse sensibles incrementos sobre todo de dióxido de carbono por diferentes causas como a intensiva queima de combustibles fósiles, e tamén unha agravante deforestación que limita a capacidade rexenerativa da atmosfera para eliminar CO2.

Presentación de Concienciadas na Culturgal

O cuarto episodio de Concienciadas chega a Praza.gal tras ser presentado polos seus autores e o director do xornal na Culturgal 2019, a feira galega das industrias culturais, que se desenvolveu do 29 de novembro ao 1 de decembro no Pazo da Cultura de Pontevedra. O público da Culturgal puido ver xa este cuarto episodio e coñecer tamén máis polo miúdo esta aposta de Praza.gal pola divulgación científica e pola ciencia como unha manifestación máis da cultura galega.

Presentación de 'Concienciadas' na Culturgal 2019 CC-BY-NC-SA Praza Pública

O proxecto Concienciadas parte da aposta por "aumentar o grao de coñecemento científico da sociedade e ademais, facelo en galego"

O proxecto de Concienciadas, detallou Iria Veiga na presentación, parte dunha aposta por "divulgar a ciencia para un público xeral", de aí o seu encaixe nun xornal xeralista como Praza.gal. Trátase, subliña, de "aumentar o grao de coñecemento científico da sociedade e ademais, facelo en galego". "Queremos espallar a cultura científica na nosa sociedade", agrega Javier Balea.

Praza.gal, detallou o director do xornal, acolle o proxecto dende a convicción de que cómpre achegar información fidedigna sobre a crise climática á audiencia de Praza.gal e de que tamén é posible facelo dun xeito ameno, didáctico e apostando polo formato audiovisual dentro da nova xeira do medio. "Nun tempo no que abonda a desinformación, en Praza.gal queremos apostar polas cousas que son verdade, aínda que semelle unha obviedade, e nada mellor para reforzar esta aposta que a divulgación científica", di.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.