Reflexionando á vista de todos

Rueda, Pontón e Formoso durante a xornada de reflexión do 28M CC-BY-SA Praza Pública

Candidatos e candidatas e líderes de todas as formacións amósanse en público na xornada previa ás eleccións na que legalmente non poden pedir o voto... pero si evidenciar a súa existencia

Na xornada de reflexión os partidos políticos non poden pedir directamente o voto, pero os seus candidatos e líderes tentan que a cidadanía non se esqueza deles e siga a telos presentes para a xornada electoral amosándose en público e divulgando a realización de todo tipo de actividades. 

Así o fixeron novamente este sábado tanto quen aspira a ser votado este domingo como quen indirectamente aspira a verse reforzado como líder de partido. 

O presidente do PPdeG e da Xunta, Alfonso Rueda, durante a xornada de reflexión do 28M © PPdeG

O presidente do PPdeG e da Xunta, Alfonso Rueda, dedicou a mañá deste sábado a participar nunha concentración de motos en Bueu.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e a candidata en Santiago, Goretti Sanmartín, na xornada de reflexión do 28M CC-BY-SA BNG

No BNG a súa portavoz nacional, Ana Pontón, almorzou coa candidata nacionalista en Santiago, Goretti Sanmartín, e pasou o resto da xornada nunha excursión coas familias da escola infantil da súa filla.

Pola súa banda o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, que é candidato a revalidar a alcaldía das Pontes, deu un paseo en bicicleta por ese concello e acudiu a un partido de fútbol.

Valentín González Formoso, secretario xeral do PSdeG e candidato nas Pontes, durante a xornada de reflexión do 28M CC-BY-SA PSdeG
A alcaldesa de Lugo e candidata á reelección polo PSdeG, Lara Méndez, na xornada de reflexión do 28M CC-BY-SA PSdeG

Entre os candidatos e candidatas que como Formoso tamén aspiran a revalidar as súas alcaldías houbo de todo. O pontevedrés Miguel Anxo Fernández Lores, do BNG, exerceu como rexedor oficiando unha voda antes de comer coa súa familia. 

Tamén coa familia, nun encontro atlético dunha filla, pasou a mañá do sábado a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, do PSdeG. Nese partido outro rexedor que non o pasou tan ben nesta xornada de reflexión foi o de Ferrol, Ángel Mato, que informou que tras esquivar a COVID durante tres anos espertou este sábado con síntomas “moi fortes”.

O alcalde de Pontevedra e candidato á reelección polo BNG, Miguel Anxo Fernández Lores, na xornada de reflexión do 28M CC-BY-SA BNG

E lonxe de Galicia pasou a xornada de reflexión outro líder político galego, o do PP estatal, Alberto Núñez Feijóo, que visitou a Feira do Libro de Madrid. 

O presidente estatal do PP, Alberto Núñez Feijóo, na xornada de reflexión do 28M CC-BY-SA PP

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.