Remata a campaña do 28M con chamadas a "non quedar na casa", concentrar apoios e ao "voto útil"

Goretti Sanmartín e Ana Pontón, Alfonso Rueda con Rafa Domínguez e Valentín Formoso con Margarita Robles no remate da campaña do 28M CC-BY-SA BNG/PP/PSdeG Montaxe: Praza.gal

Nas últimas horas de campaña das eleccións municipais deste domingo os líderes dos partidos apuraron os quilómetros para acompañar a candidatas e candidatos en actos ao longo de todo o día. A porcentaxe de votantes indecisos nestes comicios vai ser decisiva nalgúns concellos, polo que o tradicional chamamento a acudir ás urnas este 28M colle forza entre as formacións que aspiran a gobernar. 

O primeiro en pedir o "voto útil" foi o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que acompañou na mañá deste vernes ao candidato do PP en Pontevedra Rafa Domínguez. "Pedimos un voto útil e non dispersado, que ao final vale para moi pouco. Fan falta maiorías potentes para poder facer gobernos potentes. Polo tanto, pido o respaldo para as candidaturas do Partido Popular, esas maiorías que permiten gobernos estables, con sentidiño e colaboradores coa Xunta de Galicia", asegurou en declaracións aos medios desde Ordes, xunto ao candidato José Luis Martínez Sanjurjo. 

Xantar en Pontevedra de Alfonso Rueda co candidato do PP Rafa Domínguez no último día de campaña CC-BY-SA PPdeG

Rueda pediu respaldo para as candidaturas do PP, "esas maiorías que permiten gobernos estables, con sentidiño e colaboradores coa Xunta"

Rueda acompañou tamén este venres a Telmo Martín en Sanxenxo, xantou coa candidatura liderada por Rafa Domínguez en Pontevedra, participou no mitin de Borja Verea en Santiago, no de José Manuel Rey en Ferrol e no de Marta Fernández-Tapias en Vigo, onde asegurou que a súa formación vai "comezar un camiño ascendente". O presidente do PPdeG explicou que nesta campaña "Vigo converteuse na cidade máis difícil para facer política para todos aqueles cargos socialistas que non sexan o alcalde" xa que "quen tivo aquí durante anos a ministros prometendo de todo e non facendo nada, agora resulta que non coñece a ninguén do PSOE".

Ana Pontón apelou á mocidade para sexa "protagonista" do "cambio real" escollendo a papeleta do BNG

Desde Santiago de Compostela, Ana Pontón instou a concentrar o voto de cambio na candidata nacionalista para que a capital galega teña a primeira alcaldesa: "A toda as persoas que queredes máis para Santiago, quero dicirvos que a vosa opción é Goretti Sanmartín, e por iso pídovos o voso voto para facer historia nesta cidade". 

A portavoz nacional do BNG acompañou a Francisco Jorquera no seu mitin de peche de campaña. "É o momento de sumar no BNG todo o voto rebelde, inconformista, que quere un país máis xusto e con máis dereitos; todo o voto que defende cidades verdes, inclusivas, feministas", explicou no acto na dársena da Coruña, desde a que apelou á mocidade para sexa "protagonista" do "cambio real" escollendo a papeleta do Bloque "e construír a sociedade na que queren vivir, defendendo o seu dereito a ter un plan de vida con salarios dignos, con acceso a vivenda, nunha Galiza á vangarda da igualdade e pola defensa do medio".

Peche de campaña do BNG na Coruña con Ana Pontón e o candidato Francisco Jorquera CC-BY-SA BNG

A portavoz nacional do BNG acompañou a Francisco Jorquera no seu mitin de peche de campaña. "É o momento de sumar no BNG todo o voto rebelde, inconformista, que quere un país máis xusto e con máis dereitos; todo o voto que defende cidades verdes, inclusivas, feministas", explicou no acto na dársena da Coruña, desde a que apelou á mocidade para sexa "protagonista" do "cambio real" escollendo a papeleta do Bloque "e construír a sociedade na que queren vivir, defendendo o seu dereito a ter un plan de vida con salarios dignos, con acceso a vivenda, nunha Galiza á vangarda da igualdade e pola defensa do medio".

"Ninguén pode quedar na casa cando hai tanto en xogo", asegurou Valentín Formoso

Desde Ferrol, e acompañado da ministra de Defensa, Margarita Robles, o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, fixo un último chamamento á mobilización dos votantes progresistas de Galicia: "Ninguén pode quedar na casa cando hai tanto en xogo". Así, solicitou "que este país se levante" o domingo porque "non podemos dar un paso atrás e paralizar os proxectos modernizadores" das vilas e cidades.

Formoso, que aspira á reelección no concello das Pontes, salientou que estivo "percorrendo Galicia" nunhas eleccións municipais que son "o enganche da política real, o enganche do PSdeG cos problemas, esperanzas e aspiracións dos veciños e veciñas", e nas que os socialistas teñen "un maior apoio", o que fai do partido "a columna vertebral política do país". O líder dos socialistas pechou a campaña en Betanzos, onde acudiu para respaldar á alcaldesa e candidata á reelección, María Barral.

Valentín Formoso con Margarita Robles e Ángel Mato en Ferrol CC-BY-SA PSdeG

"Santiago necesita recuperar a súa vitalidade, o seu optimismo, o seu orgullo; e iso non o pode facer nin co PP nin con Bugallo", dixo María Rozas

Pola súa banda, a candidata de Compostela Aberta, María Rozas, insistiu desde o seu peche de campaña na Praza 8 de marzo en que "CA é o voto útil para garantir o futuro de Santiago en clave progresista, para termos unha Compostela que avanza con políticas verdadeiramente transformadoras, e para recuperar o orgullo de sermos picheleiras". 

Rozas manifestou que a veciñanza "non oculta a súa decepción con Bugallo" e reclama "unha forma diferente de gobernar baseada no diálogo". "Santiago precisa abrir unha nova etapa, necesita mirar cara o futuro con esperanza, necesita recuperar a súa vitalidade, o seu optimismo, o seu orgullo; e iso non o pode facer nin co PP nin con Bugallo", aseverou. 

A Marea Atlántica pechou a campaña no Campo da Leña da Coruña coa presenza do ex-alcalde Xulio Ferreiro. "Nós non subimos aos barrios. Nós somos dos barrios. Vimos de percorrelos nas últimas once horas. E nos últimos meses. E nos últimos oito anos. Porque a campaña da Marea Atlántica é o noso traballo, O noso compromiso. As nosas políticas", afirmou o candidato á alcaldía Xan Xove

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.