O PSdeG volve xuntar a Formoso e Besteiro nun final de campaña que xa olla á seguinte batalla electoral

Valentín González Formoso sinala a Gómez Besteiro no mitin das Pontes CC-BY-SA PSdeG

"Besteiro será... o que teña que ser", advertiu Valentín González Formoso nas Pontes. Na súa vila, no mitin socialista ao que acudía como candidato, como aspirante a repetir na alcaldía na que leva desde 2007 e onde nas últimas eleccións municipais obtivo máis do 65% dos votos. 

Xogaba na casa e co vento a favor o tamén presidente da Deputación da Coruña e secretario xeral do PSdeG. E fíxoo acompañado de Besteiro, delegado do Goberno en Galicia, nunha imaxe xa habitual nesta campaña, onde a presenza do que fora líder dos socialistas galegos é continua. 

Gómez Besteiro e González Formoso, no mitin das Pontes CC-BY-SA PSdeG

Formoso volveu estar acompañado por Besteiro nunha imaxe habitual da campaña: a do líder do PSdeG que é e a do líder que foi e será con vista ás autonómicas

Do que fora e parece que será e do que é pero cederá o liderado de cara á batalla pola Xunta. Primarias mediante, xa nin tan sequera é segredo a voces. É alta e clara a aposta por quen acumula actos e máis actos de partido de cara a un 28M que o PSOE ve en Galicia o inicio dunha "revolución" que acabe coa derrota do PP nas autonómicas. Un exame para o partido, a posta a punto de Besteiro xunto ao secretario xeral do partido. Como un día antes no Ortegal. 

E así o enfoca o PSdeG, mesmo nas Pontes, onde Formoso falou do local pero chamou a todos os progresistas galegos a votar, a chantar unha pedra máis nas vilas e cidades e outra no camiño a San Caetano. Desde o cine Alovi, pediu á cidadanía que acuda ás urnas para que "non teña que arrepentirse o luns ou os vindeiros catro anos". "Non nos podemos permitir dar un paso atrás nos avances sociais”, dixo, advertindo da posibilidade de dar "pasos atrás" con todo o que o partido "leva conseguido en dereitos e en transformación das vilas e cidades". 

Formoso e Besteiro apelaron desde As Pontes ao voto da cidadanía progresista para que "non teña que arrepentirse". "Non podemos dar un paso atrás nos avances sociais”,

Así, Formoso sostivo que os socialistas teñen unha bagaxe de “garantir as pensións públicas, xestionar os fondos europeos, defender a sanidade e a educación pública e de calidade ou dinamizar economicamente os concellos” que son os principais argumentos para que a cidadanía opte por un alcalde ou alcaldesa do PSdeG este domingo. E pediu o voto para “non ceder” en todos estes ámbitos e non volver “ao desgoberno ou á corrupción”.

Gómez Besteiro e González Formoso, no mitin das Pontes CC-BY-SA PSdeG

Incidiu nesa idea Besteiro. "Que ninguén pense que o seu voto non importa, o teu voto importa”, alegou. “As vivendas sociais constrúense nas urnas, a sanidade pública deféndese nas urnas, os dereitos das mariscadores deféndense nas urnas, en definitiva, os teus dereitos deféndense nas urnas”, dixo, chamando a galegos e galegas a “que non queden na casa nin voten coas tripas, que voten coa cabeza e voten o que defenden”.

Ademais, Formoso defendeu a súa candidatura nas Pontes, logo de máis de quince anos como alcalde, polo seu “compromiso persoal para liderar a revolución industrial que xa se está acometendo", así como  “para asentar a vila como o principal enclave industrial de Galicia”. Tentará repetir como alcalde para tutelar a incorporación de “sectores estratéxicos novidosos” na vila, como o forestal, o do almacenamento enerxético ou o da xeración de combustibles sen emisións logo do peche parcial -e en breve total- da central térmica. 

Neste ámbito, Besteiro destacou a Formoso como “un alcalde que, logo do peche anunciado sa central térmica, soubo ler o futuro das Pontes" e que  “soubo interpretar moi ben as oportunidades que se abren para o seu concello da man da política de transición enerxética e dos fondos europeos”. Do seu compañeiro e secretario xeral resaltou a súa capacidade de loita pola cal “lonxe de conformarse, Valentín arremangouse para atraer novos proxectos industria que xeren emprego na vila”, concluíu. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.