Valentín González Formoso, secretario xeral do PSdeG, e José Ramón Gómez Besteiro, ex-líder da formación e actual delegado do Goberno en Galicia, reuniron este xoves os alcaldes socialistas de Cariño, Cedeira, Cerdido, Ortigueira e Valdoviño en Cabo Ortegal para celebrar a declaración do xeoparque pola Unesco, un fito que sitúa o norte da provincia da Coruña entre as 16 zonas deste tipo recoñecidas pola ONU.
Besteiro contrapón a campaña "en positivo" e "de esperanza" do PSdeG coa de "oposición" do PP
Ambos destacaron o traballo conxunto dos alcaldes da comarca e de numerosas administracións e entidades para "consolidar a aposta polo turismo sostible e de calidade" do Ortegal e Ferrolterra. Nesta celebración, precisamente, Besteiro afeoulle ao PP que teña formulado unha campaña “en clave de oposición”, empeñado en incorporar á campaña o “recordo histórico do pasado sanguento de ETA, un mundo que nin coñecemos nin recoñecemos”. Por iso, reivindicou a campaña “en positivo” despregada polos socialistas galegos, cunha “mensaxe de alegría e de esperanza nun futuro mellor”.
Pola súa banda, Formoso dixo que os socialistas están "orgullosos" do que son "Dos nosos candidatos e candidatas, e non lle tomamos o pelo á cidadanía”, asegurou para sinalar a diferenza na publicidade electoral dos socialistas, cos candidatos a alcalde, fronte a PP e BNG, que “poñen as caras de Ana Pontón e de Feijóo”.
Formoso declara o "orgullo" do PSdeG polos seus candidatos fronte a un PP e BNG "que omiten os seus na publicidade electoral como se houbese algo que agochar"
Formoso advertiu que esta circunstancia “indica como está asumindo cada un o reto das municipais: agochando os candidatos e candidatas, no caso de PP e BNG, ou esgrimindo a forza dos candidatos e candidatas en todas as vilas e cidades, como o PSdeG”. Así, o tamén presidente da Deputación da Coruña defendeu que “a sociedade é madura e sabe perfectamente que nos estamos a xogar o eido municipal e a referencia política máis achegada, que é o Concello”.
Segundo o secretario xeral do PSdeG, o vindeiro domingo “empeza a revolución” para recuperar a "autoestima" e “darlle moral” á sociedade galega, e “evitar que siga rendida despois de tantos anos de goberno de Feijóo e Rueda”, e “recuperar e incentivar o talento que ten o país e pode mudar a sociedade”.
Ademais, Formoso fixo un repaso do que considera bo facer dos gobernos socialistas urbanos, para destacar que a poboación está “moi contenta" con que o PSdeG "goberne na capital, cun Bugallo referencia de estabilidade, solvencia e ética”. Do mesmo xeito, trasladou o optimismo co “dinamismo de Vigo, o motor económico de Galicia”.
Tamén sinalou o apoio a Inés Rey na Coruña, co “liderado en novas tecnoloxías” para unha cidade que baixo o seu goberno “recupera a capacidade de soñar”. E salientou o traballo de Mato en Ferrol, unha cidade que “por fin ten esclarecido o futuro para os próximos 15 anos, coa maior carga de traballo adxudicada a un estaleiro público en toda a historia”, e o convenio de reforma urbanística co Ministerio de Defensa.
A cidadanía, dixo, que tamén apoia a Lara Méndez e o seu proxecto para facer de Lugo líder en emprendemento, centrando a “nova transformación” dunha cidade “atractiva para que veña investir xente de toda España”. Todos eles, e o resto dos candidatos en todas as vilas e cidades "fixeron bandeira, dixo, da atención sanitaria, o emprego e a protección social como eixo dos programas electorais".